Mañá, martes 3 de maio, a as 13:15 horas, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, acudirá á catedral de Tui para a firma da acta de reformulo e inicio de obra as zonas do templo catedralicio que se transformarán en TUDE, o novo Museo Catedralicio-Diocesano. Ao acto, tamén asistirán o director da empresa construtora Bauen, Rafael Montejo, e o arquitecto e coordinador do Plan Director da catedral, Iago Seara.
En decembro de 2019, a Diocese de Tui-Vigo e o cabido tudense asinaban un convenio co departamento de Historia da arte da Universidade de Santiago de Compostela para a redacción do proxecto dun museo diocesano e catedralicio na Diocese de Tui-Vigo, enmarcado dentro do Plan Director da Catedral —finalizado en 2007 e publicado en 2015—, que ten como obxectivo a posta en valor dos diferentes espazos do conxunto.
Ambos os museos, fundados en 1976, reúnen máis de 2.000 obras, algunhas delas participaron en recoñecidas exposicións como Pergamiño Vindel, Galiza non tempo ou as expos de Lisboa e Barcelona. De aí, a procura dunha unión que permita impulsar unha mellora na xestión de recursos capaz de xerar máis opcións expositivas, creando un discurso narrativo, non só coas obras, senón tamén co conxunto arquitectónico. Iago Seara, coordinador do Plan Director, explicou que “o museo facilitaría compartir non só os valores e o discurso das exposicións, senón tamén o gozo e o acceso cultural” dos visitantes a determinados espazos da Catedral, como a sala capitular de comezos do século XVI ou as torres adxuntas. En definitiva, a unión destas dúas institucións nun só Museo Catedralicio-Diocesano aspira a crear unha narrativa na que as obras expostas axuden a comprender o contexto histórico, o Conxunto Catedralicio, os vínculos con Portugal e a temática da evanxelización na Diocese, estendida máis aló das súas fronteiras.
O pasado mes de marzo, a Xunta de Galicia e a diocese de Tui-Vigo anunciaron o inicio das estas primeiras actuacións que comezarán mañá. Para poder levar a cabo todas as obras necesarias de reacondicionamento da catedral de Tui, o Ministerio de Transportes e Axenda Urbana destinou 675.460 euros —asociados á iniciativa do 1,5% cultural— e o resto do financiamento necesario foi achegada pola Xunta de Galicia e a diocese de Tui-Vigo —que se encargou de financiar un 25% do total das obras, en total, 146.652 euros—.