14 de Maio de 2026,
San Matías

Ofrenda do alcalde de Tui a San Telmo

Ofrenda do alcalde de Tui a San Telmo
Ofrenda del alcalde de Tui, D. Enrique Cabaleiro, a San Telmo | © Noelia Reyes

Benquerido Señor San Telmo

Nesta xornada festiva en que lembramos anualmente a túa memoria perdurable entre os tudenses e as xentes da diocese e do mar, achégome en nome de todos os veciños e veciñas de Tui, de todos os teus numerosos devotos espallados por tantos lugares da xeografía peninsular e das costas atlánticas, para, ante todo, agradecer con esta solemne liturxia o teu patrocinio e protección sobre todos nós.

Unha festividade, o luns dedicado a túa memoria, na infraoitava da Pascua, en que o recendo que espalla a chegada da primavera por estas terras feiticeiras que bica o río Miño -que une, nunca separa, as terras e as xentes miñotas-  nos convoca a todos nunha alborada festiva, que encabeza o son cantareiro das doce campás desta catedral, que nos anima a todos a sumarnos a esta celebración anual que nos une coa nosa historia, coa nosa tradición, coa nosa terra, coa nosa xente… creando e fortalecendo a nosa identidade, pois a cita anual en torno as túas festas é privilexiado momento de comuñón colectiva.

Neste ano conmemoramos ademais, con singular ledicia e sobranceiro orgullo, os oitocentos anos da consagración desta catedral de santa María realizada polo bispo Esteban Egea o 30 de novembro de 1225. Culminou nesta data un longo proceso construtivo iniciado un século antes cos aires austeros e solemnes do románico que foron mudando, co paso dos anos, a un estilo gótico onde a luz, a expresividade e a ornamentación adquiren crecente protagonismo. Esta catedral convértese así, na súa fermosa e expresiva portada, na primeira expresión, en toda a Península Ibérica, da escultura gótica, labrada, segundo os especialistas, polos ciceis e punteiros de canteiros chegados dende as afastadas terras do norte de Francia que legáronos esta alfaia pétrea que segue conmovéndonos a todos.

Unha catedral que nestes oito séculos foi medrando en espazo arquitectónico, en riqueza artística, converténdose nunha harmónica sinfonía de estilos, destacando o esplendor do barroco, que converten a este templo nunha equilibrada expresión de beleza que a todos nos emociona, nos transcende. Este templo comunica, dende a linguaxe da arte, a identidade tudense baseada na afouteza e na determinación das xentes de Tui que ergueron, nun esforzo comunitario, esta catedral fortaleza, este alcázar ameado de fronteira, que eleva as súas torres como unha oración colectiva de gratitude e afirmación colectiva de xeracións e xeracións de tudenses.

Pero xunto a este inxente patrimonio material esta catedral atesoura outras alfaias, estas inmateriais, pero non menos valiosas. De todas as tradicións que custodia este templo sen dúbida que o culto e devoción a ti, San Telmo, é a xoia máis fermosa, a máis querida e a máis amplamente coñecida.

Neste templo conservamos o teu “Corpo Santo”, como tesouro precioso de fe e devoción, soterrado tras a túa morte o 14 de abril de 1246, mañá haberá setecentos oitenta anos, polo bispo D. Lucas na entrada deste templo, no trascoro, converténdose dende aquela en lugar de milagres e prodixios, de acollida de milleiros de peregrinos que chegaban a esta catedral dende remotos lugares na procura de axuda e protección do noso “Corpo Santo” de Frei Pedro González.

Hoxe nos achegamos para agradecer, como facían os teus predicadores no ocaso da Idade Media, os milagres e maravillas que, por méritos de este santo corpo, Noso Señor Deus faz eno mar e enna terra.. A túa intercesión nos acollemos, herdeiros do legado transmitido nas túas últimas palabras dirixidas aos tudenses de todo tempo: “quere o Noso Señor que esta cidade e a súa comarca sexan protexidos pola miñas súplicas contra moitos perigos…”

Hoxe, benquerido San Telmo, porto nas miñas palabras as necesidades e os devezos  de todos os tudenses, mais aló das súas ideas e crenzas, da súa condición e opción de vida, neste tempo incerto, tormentoso, de violencia e guerra que non respecta nin o dereito internacional, nin os dereitos das persoas, que nos sume a todos na incerteza do futuro como ben expresa Luis de Camoes nos versos da súa universal obra “Os Lusíadas” ao recoñecer a San Telmo guieiro perenne: tempo de tormenta e vento esquivo / De tempestade escura e triste pranto / Vi, claramente visto o lume vivo / Que a maritima gente tem por sancto.

A este teu lume de esperanza nos acollemos. Coida, San Telmo, aos nosos veciños e veciñas, especialmente aos nosos nenos e nenas, á nosa infancia, que poida medrar con agarimo e coidado, lonxe de calquera violencia ou precariedade. Te presentamos á nosa mocidade, necesitada de empregos dignos que favorezan a súa emancipación e acceso á vivenda para construír as súas vidas. Coida especialmente dos máis desfavorecidos, aqueles que sempre foron especialmente queridos por ti apóstolo mendicante, así como dos nosos maiores que nunca se sintan desamparados de cariño e atencións nos momentos de debilidade física. Ti que fuches migrante ampara aos nosos emigrantes e tamén especialmente aos que chegan á nosa terra en busca dun futuro mellor. Conforta aos enfermos e apenados… Protexe a todas as vítimas da inxustiza, da violencia, da discriminación. En definitiva, prega por nós para que como afirma o Papa León na súa Exhortación Apostólica “Dilexi Te” poidamos construír unha sociedade cun amor que supera calquera barreira, acerca aos lonxanos, reúne aos estraños, familiariza aos inimigos, atravesa abismos humanamente insuperables, penetra nos recunchos máis ocultos da sociedade. Inspíranos a todos, nas nosas responsabilidades públicas e persoais, para edificar unha sociedade máis xusta, igualitaria e inclusiva.

Ben querido San Telmo, hoxe xunto a Corporación Municipal, acompañado de numerosos tudenses e autoridades e os convidados chegados de Galicia e do querido Portugal e de Viterbo en Italia, xunto ás nosas localidades irmás de Frómista, Valença e Versmold, renovamos a nosa devoción a túa figura, bicamos con agarimo as túas reliquias, te acompañaremos na emocionante procesión na que percorres as rúas desta cidade expresando a nosa afervoada gratitude pola túa perenne protección.

En torno a ti, San Telmo, os tudenses atopamos un lugar de encontro, de comuñón; arredor da túa memoria se conserva un dos piares da nosa identidade colectiva que soubo custodiar ao longo de case oito séculos esta tradición, esta devoción recibida dos nosos devanceiros. Ao igual que esta catedral que hoxe nos acolle e nos identifica.

Reafirmamos así unha continuidade de historia, de tradición, de patrimonio, de colectividade, que mantén ao longo do tempo a capacidade de custodiar esta inxente herdanza colectiva da que nos sentimos enormemente orgullosos, que nos honra como colectividade, que nos singulariza como tudenses como autores desta portentosa creación que é a nosa querida cidade de Tui e que afirma a nosa capacidade de futuro, para seguir conservando e enriquecendo o noso acervo colectivo.

Acolle, Señor  San Telmo, esta invocación e esta ofrenda que presentamos en nome propio e das xentes da nosa diocese e de todos os mariñeiros e as xentes do mar que teñen como patrón e segue sendo o noso intercesor e protector para que sigamos invocándote cada día: Misericordia San Telmo, salve Corpo Santo.

Amén.

D. Enrique Cabaleiro González

Alcalde de Tui