12 de Decembro de 2024

,

Nuestra Señora de Guadalupe
12 de Decembro de 2024

,

Nuestra Señora de Guadalupe

“ Hortense” non impediu aos cristiáns rezar pola unidade

“ Hortense” non impediu aos cristiáns rezar pola unidade

A inminente ameaza dunha nova borrasca en Galicia, nomeada  Hortense pola Axencia Estatal de Meteoroloxía, non impediu que anglicanos, ortodoxos,  evanxélicos e católicos se xuntásen baixo o mesmo teito no templo parroquial dos irmáns capuchinos, María Nai do Bo Pastor, para rezar pola unidade dos cristiáns o pasado xoves, 21 de xaneiro

Cinco minutos antes do inicio do acto, os participantes, preto de medio centenar, ocupaban os asentos marcados cunha cinta branca para manter, en todo momento, as medidas de seguridade estipuladas polas autoridades sanitarias para combater a propagación da pandemia, que o pai Faustino, delegado diocesano de  Ecumenismo e Relacións  Interconfesionais, afanábase por lembrar desde o  ambón situado á esquerda do altar.

A música comezou a soar e os representantes iniciaron a súa procesión cara ao presbiterio: Davide  Junqueras, pastor  evanxélico; Francisco Javier Alonso, reverendo anglicano; e Luís Quinteiro, bispo católico de Tui-Vigo. Na cita, percibiuse a ausencia do pai  Dámaso Couto, pastor ortodoxo, a quen, tal e como explicou o pai Faustino, as restricións de mobilidade obrigáronlle a permanecer na súa residencia.

O reverendo anglicano, Francisco Javier Alonso, fixo fincapé na necesidade de mirar a través dos ollos de Xesús, capaz de superar as diferenzas materiais de cada confesión, para atopar unha Igrexa nel. Tras a intervención, a asemblea pediu polo crecemento persoal cara a unha vida máis plena.

En segundo lugar, o pai Faustino rememorou a peste que arrasou Alexandría no século III, durante a cal os cristiáns  reconfortaron a enfermos e a moribundos, un xesto que provocou a conversión de moitos pagáns. Con este relato, convidou aos congregados a saír ao encontro das persoas durante esta época de pandemia, como as primeiras comunidades en Alexandría.

Citando a San Pablo na súa carta aos  Efesios, o pastor  evanxélico, Davide  Junqueras, lembrou que a unidade é creada polo Espírito Santo, por iso aos homes tócalles conservala evitando que os diferentes nomes dilúan o denominador común: Xesús.

Luís Quinteiro, bispo católico de Tui-Vigo, agradeceu a presenza dos representantes das outras confesións e, tendo presente que a unidade é o chamado que debe seguir a Iglesia, expresou a súa preocupación ante unha sociedade que parece esquecer que Xesús veu ao mundo dunha maneira moi concreta para transformar a historia e anunciar a Salvación.

O acto terminou deixando a igrexa en silencio. No exterior,  Hortense saudou cunha tregua aos participantes que, de esguello, buscaban o seu reloxo atentos a non incumprir o toque de queda.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp