19 de Abril de 2024

,

San León IX
19 de Abril de 2024

,

San León IX

Orientacións sobre algúns aspectos pastorais

Orientacións sobre algúns aspectos pastorais
  • Misa dominical: Pasado xa o tempo de maior incidencia do virus anímase a todos os fieis a participar, de maneira presencial, na Eucaristía dominical. Esa participación, que é testemuña de pertenza e de fidelidade a Cristo e á súa Igrexa (Cf. CCE 2182), debe estar guiada polas medidas de prevención necesarias para evitar contaxios. O párroco, que coñece e guía á súa comunidade, pode dispensar de esta participación en casos particulares (Cf. CIC 1725 e CCE 2181).
  • Aforo: A asistencia a lugares de culto non poderá superar o setenta e cinco por cento da súa capacidade. O número máximo de persoas que poden participar deberá publicarse nun lugar visible da igrexa. (Cf. DOGA 13-06-2020)
  • Uso da máscara facial: Para as persoas de seis ou máis anos será obrigatorio o uso da máscara en todo momento, tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire libre como cando se estea en espazos pechados de uso público ou que se encontren abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros (Cf. DOGA 18-07-2020). Segundo o DOGA: “as persoas oradoras, relatoras e similares poderán quitar a máscara no momento da súa intervención sempre que manteñan a distancia de seguridade interpersoal.” (Cf. DOGA 18-07-2020). Polo tanto o sacerdote que preside non precisa levar máscara en todo momento; si debe usala para distribuír a comuñón e tamén é recomendable que a poña mentres non está no uso da palabra.
  • Xel hidroalcohólicos e limpeza de mans: Poranse á disposición do público dispensadores de xeles hidroalcohólicos ou desinfectantes con actividade viricida, debidamente autorizados, en lugares accesibles e visibles, e, en todo caso, na entrada do lugar de culto, que deberán estar sempre en condicións de uso. (Cf. DOGA 13-06-2020) Os fieis desinfectarán as mans ao entrar e saír do templo. O sacerdote, e demais ministros do altar, desinfectarán as mans antes e despois de distribuír a comuñón. (Cf. Nota da CEE 29-04-2020)
  • Desinfección do templo: Diariamente deberanse realizar tarefas de desinfección dos espazos utilizados ou que se vaian utilizar e de xeito regular reiterarase a desinfección dos obxectos que se tocan con maior frecuencia. (Cf. DOGA 13-06-2020).
  • Copón: O copón coas obleas que se van consagrar na Misa estará tapado ata o momento de distribuílo entre os fieis. (Cf. Nota da CEE 29-04-2020)
  • Xesto da paz: O saúdo de paz pódese suprimir; en caso de non facelo buscarase un xesto que evite o contacto físico directo.(Cf. Nota da CEE 29-04-2020)
  • Diálogo antes da comuñón: O diálogo individual da comuñón (“O Corpo de Cristo”. “Amén”), pronunciarase de forma colectiva despois da resposta “Señor non son digno…” .(Cf. Nota da CEE 29-04-2020)
  • Comuñón na man: Recoméndase encarecidamente a comuñón na man. O sacerdote, e demais ministros do altar, desinfectarán as mans antes e despois de distribuír a comuñón. (Cf. Nota da CEE 29-04-2020)
  • Colectas: Dado que o contacto cos cartos pode ser un foco de contaxio, parece preferible facer a colecta ao rematar a celebración, situando nas portas do templo algunhas persoas voluntarias que fagan o servizo de recoller as esmolas dos fieis; ou ben deixar os cestiños nas portas para que os fieis, ao saír, deixen alí as súas ofrendas. No caso de facer a colecta dentro da Misa, o peto pasarase despois da comuñón.
  • Auga bendita: O DOGA afirma: “Non se permitirá o uso de auga bendicida”(DOGA 13-06-2020). Entendemos que esta norma refírese a auga das pías situadas nas entradas das igrexas e a aspersión sobre os fieis; podendo asperxer obxectos e cousas: cadaleitos, sepulturas, coches, casas… Con todo parece prudente bendicir a auga para a ocasión e logo desbotala.
  • Bautismo: Deberán evitarse os bautismos comunitarios. Na administración da auga bautismal, fágase desde un recipiente ao que non retorne a auga utilizada.
  • Confirmacións: Xa se pode solicitar na Vigairía Xeral data para a celebración.
  • Reconciliación: Aconséllase celebrar a penitencia nun espazo onde se poida manter a distancia de seguridade e gardar a reserva propia do sacramento, por exemplo na sancristía. No caso de usar o confesionario, este debe contar con medidas de seguridade, como unha pantalla de metacrilato no lugar das reixas; e debe ser desinfectado despois de cada uso. Tanto o fiel como o confesor deberán levar máscara.
  • Vodas: No caso que estas cerimonias ou celebracións se leven a cabo en lugares de culto, deberán aplicarse as regras de capacidade e as medidas de hixiene e prevención na celebración de actos de culto relixioso. (Cf. DOGA 13-06-2020)
  • Exequias e enterros: Os funerais de exequias seguirán os mesmos criterios de aforo que calquera outra Misa. Aínda que sexa difícil neses momentos de dor, insistir en manter distancia de seguridade e evitar xestos que impliquen contacto persoal. A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de setenta e cinco persoas, entre familiares e achegados, ademais, de ser o caso, do ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto. (Cf. DOGA 13-06-2020).
  • Organización das celebracións de maior afluencia: Os párrocos buscarán persoas que colaboren a organizar as entradas e saídas das celebracións con maior afluencia de fieis (festas e romarías), para evitar aglomeracións de persoas nos accesos e inmediacións dos lugares de culto. Se fose necesario tamén se distribuirá aos fieis sinalando os asentos ou zonas útiles. (Cf. DOGA 13-06-2020).
  • Coros: Nas actuacións que impliquen a participación de coros e agrupacións vocais de canto deberá asegurarse que se respecte en todo momento a distancia de seguridade interpersoal [1,5 m.] entre os integrantes do coro ou da agrupación e, polo menos, de 3 metros entre estes e o público. Será obrigatorio, en calquera caso, o uso de máscara durante toda a actuación. Durante a actuación e os ensaios de orquestras, bandas e outras agrupacións musicais, as persoas integrantes deberán manter a distancia de seguridade e, se iso non é posible, reducirase o número de compoñentes de xeito que se cumpra coa dita distancia. (Cf. DOGA 27-06-2020) As persoas que forman parte do coro computan para o aforo.
  • Xestos de relixiosidade popular: Quedan prohibidos os actos de relixiosidade popular que impliquen tocar ou bicar imaxes ou obxectos de devoción. (Cf. DOGA 13-06-2020).
  • Actos de culto no exterior: A utilización do exterior dos edificios ou da vía pública para a celebración de actos de culto (Misas ou procesións) deberá desenvolverse nas condicións que determine a autoridade municipal correspondente, á cal lle corresponde a súa autorización. Débese solicitar permiso por escrito aínda que os actos se celebren nunha propiedade da Igrexa, por exemplo no adro. Con carácter previo á celebración, delimitarase o espazo ou o itinerario e a asistencia de público estará limitada a un máximo de 1.000 persoas. Procurarase manter a distancia de seguridade interpersoal entre os participantes entre si e co público asistente, e o uso de máscara será obrigatorio para os participantes e para o público asistente”. (Cf. DOGA 27-06-2020) Convén recordar que nestes casos a entidade organizadora é a encargada de que se cumpra coas normas esixidas pola lei; o permiso municipal non exime dese cumprimento. (Cf Nota da Vigairía de pastoral do 17-06-2020).

DOCUMENTO COMPLETO EN PDF

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp