Baixo o lema «Comigo fixéstelo», os bispos da Subcomisión Episcopal de Acción Caritativa e Social da CEE acaban de lanzar a súa mensaxe para a festividade do Corpus Christi, Día da Caridade, deste ano, no que convidan a “potenciar a capilaridade nos pobos, barrios e cidades para coidar e acompañar tanto sufrimento” causado pola Covid-19.
A mensaxe agradece o “servizo xeneroso” que “durante as vinte e catro horas do día” levan a cabo os “discípulos misioneiros de Xesucristo en Cáritas e as persoas que fan posible o servizo da caridade nas parroquias ou noutras institucións caritativas da Igrexa”.
«Comigo fixéstelo»
“Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo” (Mt 25,40).
Neste tempo de pandemia, coa convicción de que o Señor camiña connosco, celebramos a Solemnidade do Corpus Christi, o Día da Caridade, no que estamos a facer das dificultades do momento unha grande oportunidade para tocar as chagas de Cristo e descubrir que, detrás das súas feridas, atopamos a dor e sufrimento dos nosos irmáns abríndonos ao misterio de Cristo crucificado e resucitado onde resplandece a gloria de Deus.
Deus non deixa xamais de estar ao noso lado cumprindo a súa promesa: “Eu estarei convosco todos os días ata a fin dos tempos” (Mt 28, 20). Estes “tempos recios”, onde se necesitan amigos fortes de Deus, convidan a recuperar o sentido da nosa vida sabéndonos fráxiles e necesitados de salvación. Unha necesidade que se fai concreta na vida de cada día, na proximidade, na contorna, na fraternidade e na esperanza cristiá que brotan da Eucaristía.
Nestes tempos singulares nos que se están tomando iniciativas excepcionais para evitar e deter o contaxio dun virus traxicamente mortal, todos percibimos como se fan esforzos en moitos lugares da nosa sociedade para protexer ás persoas, ás familias, mesmo ás diversas realidades laborais, dos tráxicas sacudidas que feriron especialmente aos vulnerables e máis empobrecidos, abrindo, así, camiños á esperanza. En todas esas accións imos aprendendo a facernos próximos, irmáns e irmás. Como discípulos queremos aprender de forma nova que é a Cristo a quen llo estou facendo, e El sempre nos responde coa súa acollida e infinita misericordia.
Entrega
Estar preto dos pobres, os máis vulnerables, os nenos, os enfermos, os discapacitados, os anciáns, os tristes e sós, os angustiados polo pesadume da existencia cánsanos, ben polo abafador e desbordante de tantas situacións, ben pola fraxilidade que nos descobren en cada un, ben porque nos enfrontan á nosa debilidade. A este respecto atopamos alento nas palabras de san Manuel González: “Na Eucaristía, está o Corazón incansablemente misericordioso, que a cada laio dos nosos beizos e a cada bágoa dos nosos ollos… responde – estade certos! – cun latexo de infinita compaixón” (Un corazón feito Eucaristía, n 107).
A Eucaristía ofrécenos o don de poder amasar de forma inseparable a caridade e a vida dos pobres. Como vivir a Eucaristía sen estar preto daqueles máis famentos , daqueles con quen Cristo se identifica ao ter fame, sede, estar espido, enfermo ou no cárcere? (Mt 25, 31-46). Nesta unión descubrimos a esencia da dignidade humana que cobra sentido ao enraizarse no mesmo Xesucristo.
El, por medio do amor feito servizo ata o extremo, ofrecendo a súa vida, levou á plenitude o valor da dignidade humana facéndonos irmáns e penetrándonos no misterio da doazón. Esta caridade, corazón da nosa fe e da propia solemnidade do Corpus Christi, lévanos a poñer nas mans do Deus, que nos amou tanto que nos entregou ao seu propio Fillo, todo o que somos e o que temos, especialmente as nosas pobrezas e fraxilidades e móvenos ao amor fraterno, pois “pechar os ollos ante o próximo convértenos tamén en cegos ante Deus” (Deus caritas est 16).
Ante o Corpo de Cristo tomamos conciencia de que é tempo de potenciar a capilaridade nos pobos, barrios e cidades para coidar e acompañar tanto sufrimento. Así nos exhorta o papa Francisco: O servizo é, “en gran parte, coidar a fraxilidade. Servir significa coidar aos fráxiles das nosas familias, da nosa sociedade, do noso pobo […] O servizo sempre mira o rostro do irmán, toca a súa carne, sente a súa proximidade e mesmo nalgúns casos «padécea» e busca a promoción do irmán” (Fratelli tutti 115).
Fraternidade
A pandemia está a deixar tras de si moitas vidas rotas e profundas feridas que, con todo, están a ser cicatrizadas grazas ao fomento dos lazos de colaboración, axuda mutua e redes comunitarias que brotan da fraternidade nunha comunidade que sostén. “Velaí un fermoso secreto para soñar e facer da nosa vida unha fermosa aventura. Ninguén pode pelexar a vida illadamente […] Necesítase unha comunidade que o sosteña, que nos axude e na que nos axudemos uns a outros a mirar cara adiante. Que importante é soñar xuntos!” (Fratelli tutti 8).
Destas palabras do Papa son testemuñas, durante as vinte e catro horas do día, os discípulos misioneiros de Xesucristo en Cáritas, as persoas que fan posible o servizo da caridade nas parroquias ou noutras institucións caritativas da Igrexa.
Os bispos recoñecemos e agradecemos este servizo xeneroso, á vez que animamos a que sexan moitos máis os cristiáns que se comprometan cos máis pobres e excluídos da nosa sociedade. Cáritas, cos seus traballadores e equipos de voluntarios, fai cada mañá que as fronteiras e os muros se concreten na dimensión universal da caridade: “Ao amor non lle importa se o irmán ferido é de aquí ou é de alá. Porque é o amor que rompe as cadeas que nos illan e separan, tendendo pontes; amor que nos permite construír unha gran familia onde todos poidamos sentirnos na casa […] Amor que sabe de compaixón e de dignidade” (Fratelli tutti 62).
Cremos no Deus que se fai carne e preséntase como compañeiro de viaxe. El atravesa a vida de cada pobo, cidade, hospital, escola ou centro de traballo. E faino por medio dos seus discípulos, dos pobres e vítimas desta crise. Aínda que este ano non salgamos polas rúas acompañando ao Señor sacramentado en procesión, proclamemos a nosa fe e fagamos das nosas parroquias, comunidades, oratorios e de nós mesmos, custodias do Cristo que comungamos como expresión do noso amor agradecido e fonte de bendición para moitos.
Adoración
No contexto desta pandemia, o día do Corpus Christi, día da Caridade, o Señor, co seu Corpo entregado e o seu Sangue derramado, úrxenos á esperanza, que “nos fala dunha sede, dunha aspiración, dun anhelo de plenitude, de vida lograda, dun querer tocar o grande, o que enche o corazón e eleva o espírito cara a cousas grandes, como a verdade, a bondade e a beleza, a xustiza e o amor…a esperanza é audaz, sabe mirar máis aló da comodidade persoal, das pequenas seguridades e compensacións que estreitan o horizonte, para abrirse a grandes ideais que fan a vida máis bela e digna. Camiñemos en esperanza” (Fratelli tutti 55).
Hoxe, ao adorar ao Señor no Pan Eucarístico, penetrámonos no dinamismo do gozo, a alegría e a esperanza que necesita o noso mundo. Unha esperanza que brota da presenza de Cristo no mundo e entre nós, das súas saídas aos camiños deste mundo sufrinte polos estragos do coronavirus para convocar a todos á alianza do Espírito.
Santa Teresa de Calcuta, coa súa vida entregada aos máis pobres e o seu amor á adoración do Santísimo, onde atopaba a forza para a caridade, ensínanos algo que ela experimentaba e alentaba a súa esperanza: “O froito do silencio é a oración. O froito da oración é a fe. O froito da fe é o amor. O froito do amor é o servizo. O froito do servizo é a paz”. Nas palabras da Santa temos de modo palpable, unha concreción do dito polo Señor: “Fixéstelo comigo”.
Hoxe ao adorar o corpo sacramental, nacido da Virxe María, avívase o dinamismo da nosa fe, amor e esperanza; internámonos na verdade e a novidade do testemuño apostólico que atopa ánimo nas palabras do apóstolo San Paulo: “Sede, pois, imitadores de Deus como fillos seus moi queridos. E facede do amor a norma da vosa vida, a imitación de Cristo que nos amou e entregouse a si mesmo por nós como ofrenda e sacrificio de recendo agradable a Deus” (Ef. 5, 1-5).
Poñémonos nas mans da Sagrada Familia de Nazaret, Xesús, María e Xosé, nese fogar onde se fraguaba cada día a caridade, con pensamentos, palabras e obras e pedimos ao Señor que nos atope dignos da súa presenza por facer co noso próximo exercicio crible da caridade.