Ante a proximidade do Nadal, como cada ano, a Federación de Scouts Católicos de Galicia trae a «Luz da paz de Belén» á comunidade autónoma para lembrar a importancia da paz e a esperanza a través deste símbolo que conecta a miles de persoas en todo o mundo e promove o amor, a fraternidade e a solidariedade. Nesta ocasión, o 21 de decembro, durante a reunión que os bispos das cinco dioceses galegas mantiveron no arcebispado compostelán, os prelados tamén recibiron a «Luz da paz de Belén».
Durante este encontro, o delegado xeneral e presidente de Scouts de Galicia, José María Santos, puxo de manifesto a gran diversidade e riqueza da presenza dos Scouts nas diferentes dioceses de Galicia, A pesar das diferenzas, Santos salientou que é crucial que os bispos saiban que os Scouts están presentes e ao servizo da Igrexa.
Pola súa banda, o arcebispo de Santiago, monseñor Francisco Prieto, dirixiuse aos Scouts de Galicia en nome de todos os bispos da rexión, compartindo unha mensaxe de esperanza e fe relixiosa. Monseñor Prieto instou os scouts a ser verdadeiros portadores da fe, lembrándolles que «Deus permanece presente e desexa nacer na humanidade». Así, animou aos novos scouts a ser faros de luz en tempos de escuridade, que poidan levar a mensaxe de amor e paz que impregna o Evanxeo.
Tras o encontro cos scouts, os bispos de Galicia continuaron coa súa reunión, na que tratan temas de interese común para as cinco dioceses galegas.