14 de Abril de 2026,
San Telmo

Os catequistas descobren novas formas de anunciar a fe a nenos e mozos

Os catequistas descobren novas formas de anunciar a fe a nenos e mozos
FOTO.- Participantes en la Asamblea diocesana de Catequistas | © Diocese de Tui-Vigo

Sentir. Imaxinar. Xogar. Debuxar. Dinamizar. A catequese é o espazo no que se conxugan todos estes verbos á hora de acompañar os procesos de iniciación cristiá de nenos, adolescentes e mozos. Para aprender a sacarlles o máximo proveito, a delegación diocesana de Catequistas convocou, o 3 de maio, no colexio Amor de Deus, un encontro para catequistas, baixo o lema «Anunciando que é xerundio».

Á súa chegada, os e as catequistas foron recibidos por unha imaxe tamaño real dun Jesús riseiro cos brazos abertos, que o debuxante Agustín da Torre creou para a ocasión. Tras as fotos de rigor no photocall, xunto a esa imaxe de Jesús, os participantes dirixíronse ao salón de actos, para dar comezo, oficialmente, á xornada.

O delegado de Catequese, José Antonio Eiró, foi o encargado de dar a benvida e agradecer a presenza do centenar de persoas que asistiron; tamén expresou o seu agradecemento ao equipo de sacerdotes e segrares colaboradores da delegación que fixeron posible o desenvolvemento do encontro. A continuación, o vigairo de Pastoral, José Vidal, comunicou que, proximamente, conformarase  o novo Consello de Pastoral da diocese de Tui-Vigo, do que formará parte un catequista; para a elección deste representante, propuxo realizar unha sondaxe entre os asistentes ao encontro.

Tras a benvida, os catequistas dividíronse en grupos a través dunha divertida dinámica con globos de cores, para poder participar nos cinco talleres organizados para aprender a transmitir a fe utilizando medios modernos: Elena, do equipo de Pastoral do colexio Neno Jesús de Praga, impartiu un taller sobre a importancia dos espazos catequéticos; María, profesora de Relixión, falou da metodoloxía visual thinking aplicada ao ámbito da Catequese; sor Chus, relixiosa das Fillas da Caridade na arquidiocese de Santiago de Compostela, presentou o método Godly Play;  Agustín da Torre, debuxante e profesor, ofreceu un taller sobre humor gráfico; e, finalmente, o equipo da delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo, deu a coñecer Edge e LifeTeen, dous métodos para traballar con mozos a partir dos 12 anos.

Finalizados os talleres, chegou o momento da comida, un momento de confraternización que contou coa presenza do bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín. A delegación de Catequese tamén ofreceu café e rosca para gozar deste momento distendido antes de continuar co programa do encontro.

Os momentos de formación e confraternización da Asemblea de Catequistas estiveron acompañados dun intre de oración, que presidiu o prelado tudense na capela do colexio. Tras a lectura do Evanxeo, monseñor Antonio Valín agradeceu o traballo dos catequistas: «grazas por tomar en serio esa invitación que nos fai Xesús a todos de ir polo mundo enteiro anunciando o evanxeo. Darvos as grazas, porque ás veces é difícil non perder a esperanza e. se a perdedes, sobrepoñédesvos para seguir adiante». Ademais, o bispo tamén lanzou unha petición a todos os presentes: «sei que o estades facendo, pero nunca vos esquezades a de anunciar a Xesucristo e o seu Evanxeo, espido, tal cal é. Despois xa virá a maneira de facelo asumibles. El traballará os corazóns e eses corazóns darán froito».

O encontro finalizou cun concerto de Manu Escudero, cantautor de Vigo, na capela do colexio Amor de Deus. Desde o principio e ata o final, sacerdotes e catequistas uníronse á música con palmas.

Asamblea diocesana de Catequistas 2025 | © Diocese de Tui-Vigo
« de 34 »

Ademais deste encontro para os responsables da catequese, a delegación diocesana está a organizar unha xornada para nenos, nenas e adolescentes. A convocatoria está prevista para o sábado 31 de maiode 10.30 a 18.00 horas, en o colexio Apóstolo Santiago de Vigo.