«Os ceos proclaman a gloria de Deus, o firmamento pregoa a obra das súas mans» (Sal 19,2). Con estas palabras do salmista, a Igrexa lembra que a natureza é un reflexo da beleza e a grandeza do Creador. Ao longo dos séculos, o pobo de Deus contemplou o universo como unha obra que manifesta a sabedoría e o amor divino. Por iso, a observación dun fenómeno como unha eclipse solar pode converterse tamén nunha ocasión para admirar a creación, recoñecer a orde e a harmonía presentes nela e elevar a mirada.
O próximo 12 de agosto, a eclipse solar que poderá contemplarse desde Galicia ofrecerá unha ocasión privilexiada para deterse e gozar deste extraordinario fenómeno astronómico. A eclipse terá lugar entre as 19.30 e as 21.30 horas e, na provincia de Pontevedra, a cobertura do disco solar oscilará entre o 99,3% e o 100%, permitindo contemplar un espectáculo natural excepcional coincidindo coa posta de sol.
Como lembra o papa Francisco na encíclica Laudato si, a creación é un lugar de encontro con Deus e unha invitación permanente ao asombro e á contemplación. A fe e a ciencia, lonxe de opoñerse, axúdannos a descubrir e comprender a riqueza do universo e a vivir con maior responsabilidade o coidado da casa común.
Precisamente por iso, é importante gozar da eclipse con prudencia. A observación directa do Sol sen a protección adecuada pode provocar lesións graves e irreversibles na retina. Os especialistas recomendan utilizar exclusivamente lentes homologadas para eclipses (norma NISO 12312-2:2015 con marcado CE) ou métodos indirectos de observación. Non deben empregarse lentes de sol convencionais, radiografías, cristais afumados nin outros sistemas caseiros, xa que non ofrecen a protección necesaria.
Así mesmo, recoméndase comprobar que as lentes homologadas atópanse en perfecto estado e compren todos os requisitos de seguridade, xa que poden atoparse no mercado produtos que non ofrecen as garantías necesarias.
Contemplar a creación é tamén coidala e coidar os dons que Deus nos ha concedido. Por iso, a mellor maneira de desfrutar deste acontecemento extraordinario será facelo coa debida protección, para que a admiración pola beleza do universo vaia sempre unida á prudencia e á responsabilidade.