Onte luns 24 de febreiro tivo lugar na Domus Ecclesiae de Ferrol un encontro dos cinco delegados de pastoral vocacional das dioceses galegas co bispo responsable deste ámbito, monseñor Fernando García Cadiñanos. Esta reunión foi a primeira despois dalgúns anos nos que se interromperon por diferentes motivos. Nesta nova etapa preténdese relanzar a pastoral vocacional como eixo transversal de toda a pastoral ordinaria, seguindo as propostas do recentemente celebrado Congreso sobre Vocacións en Madrid.
Durante a reunión dialogouse precisamente sobre as propostas realizadas neste Congreso e os camiños para poder concretalo nas nosas Igrexas particulares. Cada delegado compartiu co resto os ecos e provocacións que o Congreso espertara na súa delegación e os camiños para implementar unha mellor proposta vocacional desde a iniciación cristiá.
Outro dos puntos da sesión foi compartir as actividades que se realizan desde cada unha das delegacións, coa vontade de abrir novos camiños compartidos. Finalmente, fíxose un balance das reunións celebradas nos últimos anos e das iniciativas realizadas a nivel de Galicia, co obxectivo de articular algunha proposta conxunta e aproveitar mellor os recursos dispoñibles.
Durante a reunión acordouse tamén a proposta de crear un calendario de encontros que axude na reflexión e no camiño por espertar unha cultura vocacional. «Temos moito camiño que realizar, vivimos un tempo que nos debe de levar a camiñar máis en comuñón e unidade compartindo esperanzas, traballos e recursos en beneficio da nosa Igrexa en Galicia», subliñou monseñor Fernando García.
A sesión de traballo, que foi cualificada polo bispo responsable como «moi intensa, gratificante e moi prometedora», concluíu cunha comida compartida.
A nivel comunicativo, o equipo do programa relixioso da Televisión de Galicia «Polo camiño da fe» aproveitou este encontro para realizar unha reportaxe especial, que será emitido proximamente.