Cada ano, o cuarto domingo de xullo, coincidindo coa festividade litúrxica de san Xoaquín e santa Ana, a Igrexa celebra a Xornada Mundial dos Avós e dos Maiores. Baixo o lema «Eu non te esquecerei», o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidiu a eucaristía no templo parroquial de San Xoán de Panxón , unha celebración organiza pola Pastoral Familiar para poñer de relevo a importancia das persoas maiores na comunidade cristiá e na sociedade.
A celebración reuniu a numerosas familias e fieis. As persoas maiores foron as auténticas protagonistas da xornada e participaron de maneira activa na eucaristía, encargándose de presentar as ofrendas como signo da misión que seguen desempeñando na vida da Igrexa e das súas comunidades.


Partindo do Evanxeo dominical, o prelado tudense lembrou que Xesucristo é o verdadeiro tesouro da vida crente. «A palabra de Xesús é o noso tesouro, aquilo que nos pode cambiar e dá un sentido novo á vida», afirmou, convidando os fieis a preguntarse se realmente Cristo ocupa ese lugar central nas súas vidas. A continuación, enlazou esta reflexión co lema da Xornada, lembrando que «para Deus, cada home e cada muller son o seu tesouro», unha certeza que, segundo explicou, chea de esperanza e devolve a cada persoa a conciencia da súa dignidade.
O bispo tamén fixo unha chamada a recoñecer o valor insubstituíble dos maiores nas familias, na Igrexa e na sociedade. Lamentou que o ritmo acelerado da vida actual poida relegalos a un segundo plano e lembrou que «para nós os maiores, igual que os nenos, son tesouros na nosa vida». Así mesmo, insistiu en que «ningún maior, ningún avó é innecesario» e que «o importante non é tampouco o que un fai, o importante é o que un é». Finalmente, agradeceu o legado de fe, entrega e sabedoría que seguen transmitindo ás novas xeracións, subliñando que «todas as persoas, tamén os maiores, son rostro visible de Deus».


A participación de numerosas familias na celebración e o protagonismo que asumiron os maiores durante a liturxia reflectiron o espírito desta Xornada Mundial: recoñecer aos avós e ás persoas maiores como unha presenza imprescindible na transmisión da fe e na vida das comunidades cristiás.
Instituída polo papa Francisco en 2021, a Xornada Mundial dos Avós e dos Maiores celébrase cada ano o cuarto domingo de xullo, ao redor da memoria litúrxica de san Xoaquín e santa Ana. Con esta iniciativa, a Igrexa convida a recoñecer a achega das persoas maiores, agradecer o seu testemuño de fe e fortalecer os vínculos entre xeracións.



