14 de Marzo de 2026,
Santa Matilde

Os sacerdotes de Galicia celebran o Xubileu 2025 en Ourense

Os sacerdotes de Galicia celebran o Xubileu 2025 en Ourense
FOTO.- Santuario de Nuestra Señora de los Milagros | © Diócesis de Ourense

No marco do Ano Santo 2025, convocado baixo o lema «Peregrinos de esperanza», e da celebración de san Xoán de Ávila, patrón do clero español, o mércores 14 de maio, as delegacións para o Clero de Galicia organizan unha peregrinación xubilar para sacerdotes ao santuario da nosa Señora dos Milagres en Ourense. Alí, os presbíteros poderán recibir o sacramento da Reconciliación, celebrar a Eucaristía, facer profesión da súa fe e rezar polo eterno descanso do papa Francisco. O prazo para inscribirse finaliza mañá, xoves 8 de maio.

A xornada comezará, ás 10.45 horas, cunha acollida no santuario seguida por unha catequese impartida por Mons. Francisco Pérez González, arcebispo emérito de Pamplona e Tudela. Ás 12.00 horas, será a celebración penitencial e ás 13.00 horas, a eucaristía.

Tal e como expresa o vigairo para o Clero da diocese de Tui-Vigo, José Diéguez, este tipo de encontros axuda a fortalecer a fraternidade sacerdotal entre o clero, pero «non só une aos sacerdotes diocesanos, senón que tamén nos une cos outros presbíterios. Temos que pensar que a Igrexa é universal, é católica, concrétase nunha determinada porción do pobo de Deus que chamamos diocese».