Que significa falar do 13 de maio para a Diocese de Tui-Vigo? Cada ano, esta cita imprescindible na axenda presbiteral congrega ao clero diocesano para renovar a consagración do Seminario ao Corazón de Xesús, que este 2021 cumpre o seu centenario, e para celebrar as “vodas sacerdotais” de diamante, ouro e prata, como é habitual desde fai tres cuartos de século.
Nesta ocasión, o templo tudense de San Francisco engalanouse para acoller a eucaristía na que se deu grazas polo ministerio sacerdotal de quince sacerdotes diocesanos e salesianos, aos que se sumaron o bispo emérito, Mons. José Diéguez Reboredo —que non puido estar presente— e Mons. Luís Quinteiro Fiuza, actual bispo. Medio centenar de presbíteros acompañaron aos homenaxeados, xunto a profesores e alumnos do Seminario Menor e veciños da contorna.
A Igrexa de Tui, tal e como explicou Mons. Luís Quinteiro durante a súa homilía, demostrou estar en sintonía co momento eclesial da España de 1921. Tres anos antes, a devoción ao Sagrado Corazón de Xesús habíase enraizado debido á consagración de España. Un século despois, a vila tudense continúa demostrando a súa fidelidade a Deus a través desta devoción. O bispo destacou que a presenza do clero, unido en comuñón fraterna, manifesta a alegría e a beleza da vocación sacerdotal capaz de dar sentido a unha vida.
Como signo dunha vida entregada ao ministerio sacerdotal na presenza do Señor, os homenaxeados ofreceron esa luz de Cristo ao pastor da Igrexa Diocesana, para manifestar o seu desexo de «alumar ás nacións», tal e como reza o himno do Seminario ao Sagrado Corazón.
Despois da bendición, nun metódico orde, os asistentes encamiñáronse do templo ao claustro sur para adorar a Eucaristía e renovar esa consagración en íntima unión espiritual co monumento do Sagrado Corazón de Xesús, obra do escultor italiano Lucas Arricina. O bispo rezou a oración e, ao finalizar, o coro entoou aquel himno centenario cun desexo claro: «fórmanos sacerdotes á túa imaxe para alumar ao mundo coa túa luz; sacerdotes que recen e traballen e que amen as túas espiñas e a túa cruz».
Antes das felicitacións, o bispo de Tui-Vigo e os homenaxeados pousaron ante o monumento para deixar retratado un recordo da xornada que permanecerá á espera de ser recuperado, posiblemente, no próximo (bi)centenario.
Os sorrisos e a memoria conseguiron salvar as distancias de seguridade entre as asistentes á comida fraterna, limitada a apenas uns cincuenta comensais. Coa chegada da sobremesa, só quedaba o desenlace: o agasallo que o bispo entregou como agradecemento físico de case unha vida ao servizo da Igrexa.
A despedida de Mons. Luís Quinteiro converteuse nunha invitación para lembrar aqueles rostros que formaron parte da historia da vocación persoal; rostros con nome que, aos poucos e da man, acompañaron a cada sacerdote no seu camiño de discernimento. Pero tamén unha invitación para rememorar a ilusión dunha vocación, dunha existencia consagrada —anhelos, pensamentos, desexos, intelixencia, afectos, vontade…— a Cristo que poida inspirar a outros mozos para descubrir ese mesmo carreiro que Deus debuxou para a súa vida.
Falar do 13 de maio na Diocese de Tui-Vigo, en definitiva, é falar da fidelidade dunha vocación sacerdotal marcada polas alegría e as debilidades da vida, pero, sobre todo, é sentir que se cumpren as palabras de Xesús antes da Paixón: «para que todos sexan un».