Onte, domingo 8 de novembro, Día da Igrexa Diocesana, o Seminario Maior San José de Vigo acolleu a presentación do Plan Pastoral para o curso 2020-2021 co rezo de vésperas presidido polo bispo, Luís Quinteiro Fiuza, ás 19:00 h. Debido ás restricións estipuladas pola Xunta de Galicia, ao acto non puideron acudir máis de 25 persoas pero, a través da canle de Youtube, unha trintena máis de diocesanos seguiron o acto en directo.
Ao comezo desta hora litúrxica, o prefecto de música da Catedral de Tui, Daniel Goberna, cantou o himno «Pobo en camiño», que acompaña ao lema da programación deste ano «Pobo de Deus, comunidade de esperanza». A composición deste himno foi froito do traballo conxunto de Daniel Goberna, na parte musical, xunto co arcipreste do Miñor, Uxío Nerga, que se encargou de desenvolver a letra.
O bispo, Luís Quinteiro Fiuza, agradeceu a presenza dos presentes e lembrou que, a pesar das circunstancias, na Diocese «somos un Pobo de Deus chamado a renovar a nosa Igrexa e a nós mesmos» para poder levar a cabo a misión evanxelizadora encomendada por Xesús. Tras a bendición, o bispo fixo entrega aos presentes da nova programación que estará suxeita á situación socio-sanitaria que estamos a vivir actualmente.
O Plan Pastoral para o curso 2020-2021 encádrase dentro dun plan cuatrienal 2019-2023, cuxo obxectivo xeneral é a renovación, por medio de accións concretas, dos ámbitos significativos da pastoral diocesana: Palabra, Liturxia, Caridade e Comuñón. Con tal motivo, o plan deste ano pretende promover unha maior participación e implicación laical na vida da Igrexa Diocesana.
Tal e como lembraron o bispo, Luís Quinteiro, e o vigairo de pastoral, José Vidal, as accións que se recollen nesta programación son catro; continuar coas accións do curso pasado que se viron interrompidas por culpa do coronavirus; organizar un Curso de Comunicación Institucional e Portavocía, xa que a pandemia puxo de manifesto a importancia da ferramentas telemáticas como canle de evanxelización e eclesialidade; fortalecer a rede diocesana de Cáritas; establecer unha confirmación comunitaria por zonas para potenciar a Pastoral Xuvenil.