25 de Abril de 2024

,

San Marcos
25 de Abril de 2024

,

San Marcos

Peregrinos

Peregrinos

Somos peregrinos. Intuíuno xenialmente Platón no Mito da Caverna e elevouno á máis alta expresión Dante na Divina Comedia. O camiño de Santiago, Patrimonio da Humanidade, converteuse desde hai moitos séculos na referencia privilexiada desta evidencia existencial. Camiñando apréndese a vivir e recupérase o vivir. Porque vivir é saír e chegar. Tamén para camiñar hai que saír para chegar. Vida e camiño teñen comezo e meta. Percorrer ese treito é o quefacer de todos os días. Quedar parado é a ruptura máis triste. Só camiñando aliméntase a vida e alcánzase a meta.

A porta santa da Catedral de Santiago abriuse para dar comezo a un novo Ano Santo. Os peregrinos están de parabén porque xa Santiago os espera na súa casa relucente despois de longos días de obras de conservación. Estes primeiros momentos non serán fáciles pola pandemia e esperemos que co paso dos meses o ano xubilar se faga accesible a moitos.

A experiencia do Camiño, dos camiños, a Santiago é unha das grandes referencias do mundo contemporáneo, como o foi no medievo e na época moderna para a configuración de Europa. A globalización da información e da mobilidade converteu a Compostela e á tumba do Apóstolo Santiago nunha meta buscada desde os máis recónditos lugares do noso planeta. Santiago non é xa só un lugar coñecido e anhelado no mundo enteiro, senón que se converteu na referencia singular dunha vivencia mística total: sentirse peregrino.

Ver atravesar os nosos pobos da Galicia rural e mariñeira a peregrinos dos cinco continentes foi ao principio unha alegre sorpresa e xa pronto unha cousa normal que se incorporou á fisionomía das nosas pousadas e camiños. En moi pouco tempo, Galicia enteira, desde Santiago, fíxose un oco na mente e no corazón de homes e mulleres de calquera parte do mundo que a descubriron como unha xoia da natureza e da cultura.

A miña xeración creceu co asombro da historia do camiño de Santiago. Pero a eclosión actual dos camiños a Santiago é algo non afastado, algo que os máis novos deben coñecer para valorar e continuar. É esta unha historia trepidante chea de enerxía e lograda desde unha profunda colaboración de todos os estamentos sociais e eclesiais. O de Santiago é un agasallo marabilloso da historia a Galicia, pero que foi moi traballado nos anos recentes. Nada hai froito da casualidade e nos campos da espiritualidade e da historia, menos.

Os que viviron en Compostela na segunda metade do século vinte saben moi ben onde está o antes e o despois do “éxito” do Santiago de hoxe. Hai moitos elementos nese gran logro, pero un decisivo e determinante: os mozos e as mozas. Sen eles, nada se entende desta marabillosa historia. Foron eles os que, mochila ao ombreiro, redescubriron para o noso tempo os camiños da tumba do Apóstolo e volveron gozar como peregrinos.

+ Luís Quinteiro Fiuza

Bispo de Tui-Vigo

TEXTO EN PDF

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp