Do 15 ao 18 de setembro, sacerdotes de toda Galicia acudiron ao mosteiro de San Xoán de Poio para asistir ao Encontro de Formación Permanente do Clero, que organizado as delegacións para o Clero da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela. «Sacerdote, orante, fonte de comuñón» foi o lema destas xornadas que xa suman unha trinta de edicións.
José Diéguez Dieppa, vigairo para o Clero da diocese de Tui-Vigo, expresou que estas xornadas«son fundamentaisporque ofrecen un momento de formación permanente de interese pola calidade dos relatores que veñen, pero tamén un espazo de convivencia entre os sacerdotes das cinco dioceses da nosa provincia eclesiástica. É unha experiencia enriquecedora que nos axuda a coñecernos, animarnos e estimularnos no labor do sacerdocio».
Ao encontro asistiron diversos sacerdotes da diocese, entre eles Juan de Olazabal, vigairo parroquial do Sagrado Corazón de Xesús e de San Francisco Xabier en Vigo, que cualificou o encontro como «rico en canto ao que un vai vivindo de fraternidade sacerdotal. Aquí contémplase o testemuño de moitos sacerdotes que, no medio dos seus achaques e dificultades, veñen compartir un tempo de vida e ministerio».
Durante estes días, os sacerdotes asistentes tiveron a oportunidade de profundar na importancia da oración na vida do presbítero, grazas á formación impartida polo sacerdote de Sigüenza-Guadalaxara, teólogo e capelán do mosteiro cisterciense de Buenafuente del Sistal, Ángel Moreno Sancho; a comunidade cisterciense de Armenteira sobre a Lectio Divina; e o secretario técnico da Subcomisión para os Seminarios da Conferencia Episcopal Española, Florentino Pérez Vaquero. Ademais, houbo espazo para coñecer máis o ámbito da comunicación co profesor da facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid, Arturo Gómez Quijano.
Cunha periodicidade anual, estas xornadas de formación permanente para o clero ofrecen un espazo para o afondamento en diferentes temas de interese para a vida dos sacerdotes, así como momentos de convivencia, diálogo e oración xunto a presbíteros das cinco dioceses de Galicia.