A vila de Porriño celebrou os seus cen anos de fidelidade adorando á Eucaristía, cunha vixilia de oración presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, o pasado sábado 10 de setembro, ás 20 horas. Á celebración asistiron tamén representantes do consello nacional e outras seccións da ANE, que acompañaron a procesión de bandeiras desde a capela de San Benito ata o templo parroquial de Santa María.
«Nun día como hoxe, o primeiro que temos que facer é agradecer ao señor que nos deixara na Eucaristía, que el se quedou connosco na Eucaristía», expresou Mons. Luís Quinteiro tras a lectura do Evanxeo e, neste sentido, engadiu que «sen a Eucaristía nós non seriamos cristiáns. Sen eucaristía a nosa fe non sería posible». Mons. Luís Quinteiro tamén agradeceu a presenza da ANE na diocese de Tui-Vigo e exhortou a todos os adoradores alí presentes a unha nova conversión, que contribúa a dar un testemuño vivo do a Eucaristía, da caridade, porque «a Eucaristía é o futuro da Iglesia, como o foi sempre desde o comezo».
Durante a celebración, entregáronse as insignias correspondentes a: 12 adoradores activos —que participaron en tres vixilias continuas ou cinco salteadas—, 3 adoradores veteranos —para aqueles que asistiron a máis de 125 vixilias—, 8 veteranos constantes —aqueles que suman máis de 250 vixilias— e 2 veteranos constantes de asistencia exemplar —que contan con más de 500 vixilias—.
Na actualidade, a sección da Adoración Nocturna de Porriño conta con preto de 30 adoradores que, acompañando ao Xesús Eucaristía, senten «unha alegría desbordante desa intimidade co Señor», tal e como expresaba Cándido Lago, presidente da ANE de Porriño, no programa diocesano de Iglesia Noticia Tui-Vigo.
Nacemento da ANE de Porriño
A devoción a Xesús sacramentado na vila de Porriño está presente desde 1674, coa creación da Irmandade e Confraría do Santísimo Sacramento, fundada polo capitán Antonio de Lemos, veciño da cidade de Sevilla e natural de Porriño, xunto aos veciños da localidade e outros devotos. Non será ata 1922, cando se funde a ANE na comunidade parroquial de Porriño.
Segundo precisa Xesús María Fernández Rodríguez na súa obra Historia da parroquia da Inmaculada Concepción de Santa María de Porriño, «a noite do 11 ao 12 de setembro, nunha solemne vixilia presidida polo bispo Manuel Lago González e, coa asistencia das sección de Tui, Vigo, San Paio de Navia e Bouzas, inaugurouse a nosa sección adoradora cun grupo de 22 porriñeses».