19 de Abril de 2025,
San León IX

Presentación da restauración da cruz do Nazareno de Teis

Presentación da restauración da cruz do Nazareno de Teis

Coincidindo coa celebración do «venres de dores», o 11 de abril, ás 18.30 horas, a parroquia de San Salvador de Teis acolle a presentación da restauración da cruz da súa Nazareno —imaxe da Semana Santa de Vigo 2025—. O alcalde da cidade olívica, Abel Caballero, fará entrega da cruz e, a continuación, o bispo, monseñor Antonio Valín, presidirá a eucaristía no templo parroquial.

Este proxecto forma parte do convenio marco entre o Concello de Vigo e a diocese de Tui-Vigo para o mantemento, conservación, restauración, difusión e divulgación do patrimonio cultural, histórico e artístico de titularidade eclesiástica situado no ámbito municipal de Vigo, asinado o 15 de maio de 2024 entre o alcalde Abel Caballero e o bispo emérito Mons. Luís Quinteiro.

De autor descoñecido, a imaxe do Nazareno de Teis , constituída por dous bloques de madeira policromada, foi doada no ano 1912 polo párroco daquel entón, Agapito F. Carreira. No ano 2010, a confraría do Noso Señor Xesús Nazareno e da Santísima Virxe das Dores realizou a primeira restauración da imaxe do Nazareno a cargo da empresa Bambalina Totana da cidade de Totana, en Murcia. Ata o de agora, non se realizou ningunha intervención sobre a cruz, cuxa madeira presentaba gretas e caruncho en zonas puntuais debido ao uso e a diversas causas naturais, como a humidade.