20 de Abril de 2024

,

Santa Inés de Montepulciano
20 de Abril de 2024

,

Santa Inés de Montepulciano

Presentación do Plan Pastoral 2021-2022

Presentación do Plan Pastoral 2021-2022
Foto: El obispo de Tui-Vigo Mons. Luis Quinteiro Fiuza asiste a la presentación del Plan Pastoral 2021-2022.

Baixo a presidencia do noso bispo, D. Luis Quinteiro Fiuza, o sábado 9 de outubro de 2021 reúnese a Plenaria do CDP no Seminario Maior de Vigo para presentación do Plan Pastoral 2021-22 e doutras iniciativas e propostas a desenvolver durante este curso que comeza.

Despois do rezo de Tercia e da lectura da acta da xuntanza anterior, o noso bispo afirma que estamos nun momento de esperanza pola boa evolución da pandemia, unha pandemia que deixou retos inmensos na sociedade e tamén na Igrexa. Fala da importancia do papel do Pobo de Deus na construción de sociedades máis xustas e igualitarias e chama a abrir camiños novos, insistindo na necesidade de propor accións concretas.

D. Luis sinala que o Plan Pastoral que hoxe se presenta, inxerido nun contexto cuatrienal, é un bo instrumento para este camiño. Neste senso afirma que o Obxectivo anual para o curso 2021-22: “Promover unha maior participación e implicación laical na vida la Igrexa Diocesana” é algo improrrogable.

Deseguido, D. Luis repasa as seis accións concretas propostas no Plan Pastoral 2021-22:

  1. Organizar un curso de comunicación institucional e portavocía
  2. Fortalecer a rede diocesana de Cáritas
  3. Confirmación comunitaria por zonas
  4. Ágora: Escola Diocesana de Teoloxía, Ministerios e Servizos
  5. Crear o Servizo Diocesano para o catecumenado
  6. A participación na fase diocesana do Sínodo dos Bispos. D. Luis invita a que todas as persoas da plenaria lean os documentos do Sínodo (Vademecum e Documento Preparatorio) así como o Discurso do Papa Francisco na conmemoración do 50 aniversario da institución do Sínodo dos Bispos e o Documento da Comisión Teolóxica Internacional “La sinodalidad en la vida y en la misión de la Iglesia”. Anuncia que o domingo 17 de outubro ás 18 horas na Catedral de Tui presidirá a Eucaristía de inicio da fase diocesana do Sínodo dos Bispos 2023. Chama á creación nas parroquias de grupos de reflexión sobre a misión da Igrexa hoxe, escoitando a todas as persoas, crentes ou non. Informa ao CDP de que nomeou como Delegado Diocesano do Sínodo a D. Samuel Montes Costas. D. Luis pide, aproveitando a plataforma que supón este Consello, a implicación das parroquias para que se formen grupos sinodais que fagan realidade o mandado de escoitar ao Pobo de Deus.

D. Luis remata a súa intervención facendo fincapé na corresponsabilidade, na necesidade de escoitar e de estar preto da xente.

Deseguido, a secretaria dálle a palabra a Dona Mónica Villar Guisado, membro deste Consello, quen presenta a Comisión Abeiro de protección e acompañamento de menores e adultos vulnerables creada na diocese de Tui-Vigo en febreiro de 2021 e da que forman parte Dona Mónica Villar Guisado, D. Jaime Barrecheguren Beltrán e D. Xosé Vidal Novoa. Informa de que dita comisión nace con tres claros obxectivos, estipulados no decreto asinado o 22 de febreiro polo bispo:

  1. Traballar en coordinación e colaboración co Servizo de atención a menores, persoas vulnerables e as súas familias, creado polas dioceses da Igrexa de Galicia.
  2. Promover iniciativas de prevención, formación e sensibilización e creación de contornas seguras libres de abusos para menores e adultos vulnerables.
  3. Acoller, orientar e acompañar a calquera persoa que solicite a súa axuda  específica con estes asuntos.

Dona Mónica Villar presenta un dos froitos do segundo obxectivo: a “Guía de boas prácticas para a protección de menores”, que se reparte a todas as persoas da plenaria e que tamén está dispoñible na páxina web da diocese. Na súa intervención, Dona Mónica Villar fala de que estamos ante un tema difícil e duro; pero que é necesario afrontar desde unha perspectiva de sandación.

D. Xosé Vidal, despois de agradecer o traballo de Dona Mónica Villar e de D. Jaime Barrecheguren nun ámbito difícil, informa de que como diocese hai a obriga de dar a coñecer esta “Guía de boas prácticas para a protección de menores” a todas aquelas persoas axentes de pastoral que traballan con menores. A persoa que traballe con menores, ademais de ter un certificado negativo do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais, ten que asinar un documento de responsabilidade persoal certificando que coñece o contido desta guía e comprometéndose a cumprilo. A tal fin, a diocese promoverá no mes de novembro dez encontros por zonas cos axentes de pastoral para darlles a coñecer a guía e para que asinen este documento de responsabilidade persoal. D. Xosé Vidal afirma que é unha cuestión escamosa; pero que está en xogo a credibilidade da Igrexa.

Despois dun café con leite para repoñer forzas, retomamos a xuntanza. O Vigairo de Pastoral presenta ante a asemblea o Plan de Pastoral 2021-22, que contén seis accións. As tres primeiras son as que non se puideron levar a cabo o curso anterior por mor da pandemia, e que agora se retoman:

  1. Organizar un curso de comunicación institucional e de portavocía (as redes sociais como medio para a evanxelización).
  2. Fortalecer a rede diocesana de Cáritas (o Delegado Episcopal de Acción Caritativo-Social, D. Javier Alonso Docampo, informa de que desde Cáritas Diocesana estase traballando para poder implementar grupos nas parroquias ou arciprestados nos que aínda non está presente, renovar os grupos de Cáritas noutros casos, e impulsar o voluntariado xove).
  3. Confirmación comunitaria por zonas (como unha posibilidade de conectar á mocidade de distintas zonas e, ao mesmo tempo, coma unha ponte para a tarefa de Pastoral Xuvenil).

A estas tres accións engádense, no presente curso 2021-22, outras tres:

  • Crear o Servizo Diocesano para o Catecumenado.

D. Xosé Vidal informa de que esta acción nace do interese manifestado por algúns párrocos de atender aos catecúmenos. A súa finalidade é dobre: dar a coñecer a normativa da Igrexa para actuar nestes casos e crear un grupo de catecúmenos que fagan o camiño xuntos.

  • Ágora, Escola Diocesana de Teoloxía, Ministerios e Servizos

D. Juan Carlos Alonso Gómez, Delegado Diocesano de Ensino Escolar e corresponsable xunto con D. Uxío Nerga Menduiña deste proxecto, informa ao Consello Diocesano de Pastoral desta acción. Insiste en que a formación do laicado ten unha longa e rica historia na nosa vida diocesana e salienta neste sentido a figura e o traballo de D. Xoán Andión.

D. Juan Carlos Alonso explica que o bispo ten moito interese en que as persoas segrares teñan unha formación teolóxica potente que lles permita dar razón da súa esperanza. Neste proxecto nace Ágora, Escola de Teoloxía, Ministerios e Servizos, organismo diocesano de formación vinculado ao Instituto Teolóxico de Vigo. As clases impartiranse no Seminario Maior de Vigo os mércores de 20:00 a 21:45 horas. O profesorado pertence ao claustro do Instituto Teolóxico de Vigo. D. Juan Carlos Alonso anima a participar neste proxecto, e afirma que non podemos vivir a fe sen tentar comprendela e non podemos vivir a fe sen compromiso.

  • Sínodo dos Bispos 2023. Fase diocesana

O Vigairo de Pastoral informa de que o Sínodo dos Bispos de 2023 vén precedido por unha fase de traballo previo nas dioceses para escoitar a voz do Pobo de Deus, mesmo das persoas que se afastaron ou daquelas que non son cristiás ou non son crentes. D. Xosé Vidal debulla na asemblea o calendario da fase previa:

  • Misa de apertura do Sínodo na súa fase diocesana o domingo 17 de outubro ás 18:00 horas na Catedral de Tui presidida polo noso bispo, D. Luis Quinteiro.
  • Responsable para a fase diocesana do Sínodo: D. Samuel Montes Costas, quen creará unha comisión para animar á creación de grupos parroquiais.
  • Desde outubro de 2021 ata abril de 2022, traballo diocesano por grupos, movementos, congregacións… para reflexionar a partir do documento preparatorio enviado desde a Secretaría do Sínodo.
  • No mes de abril de 2022 terá lugar a Asemblea Final Sinodal.

D. Xosé Vidal tamén informa de que desde a Diocese organizarase o Documento Preparatorio proposto para darlle unha estrutura que facilite o seu traballo nos grupos sinodais.

Remata a asemblea coas palabras do bispo, quen chama a rezar para promover na diocese vocacións sacerdotais e á vida consagrada.

Almudena Suárez Cerviño

Secretaria do CDP

Presentación da «Guía de boas prácticas para a protección de menores» durante o Consello Diocesano de Pastoral.
Facebook
Twitter
Email
WhatsApp