19 de Abril de 2025,
San León IX

Presenza diocesana no Xubileu dos Enfermos

Presenza diocesana no Xubileu dos Enfermos
FOTO.- Peregrinos en la Iglesia Nacional Española de Santiago y de Montserrat

Entre o 5 e o 6 de abril, celebrouse en Roma o Xubileu dos Enfermos e do Mundo da Sanidadeno marco do Ano Santo 2025. Ata a Cidade Eterna desprazáronse membros das delegacións de Pastoral da Saúde das diferentes dioceses de Galicia, tamén de Tui-Vigo..

A gran sorpresa do encontro protagonizouna o propio papa Francisco, ao facerse presente no encontro tras algúns meses de ausencia por enfermidade. Os voluntarios e voluntarias que peregrinaron a Roma destacaron que «a presenza do Papa, testemuña de esperanza no medio do sufrimento, da proba, da enfermidade, animounos na nosa tarefa».

Visita á Igrexa Nacional Española de Roma

Tras celebrar a eucaristía na Igrexa Nacional Española de Santiago e de Montserrat, o  grupo de peregrinos galegos, procedentes das dioceses de Mondoñedo-Ferrol, de Santiago de Compostela e de Tui-Vigo puido coñecer o templo, as súas actividades e a súa historia. Como institución naceu en 1450 con ocasión do Xubileu daquel ano, dispoñendo de hospitais que servían tanto para atender os enfermos da colonia española como para acoller aos peregrinos pobres. Foi no hospital de Santiago dos Españois, en Praza Navona, onde se aloxou santo Ignacio de Loyola cando chegou a Roma como peregrino en 1523.

Oración por todos os enfermos de Galicia

O encontro serviu para vivir «unha experiencia extraordinaria en comunidade, en Igrexa», expresaron os delegados de Pastoral da Saúde de Galicia, destacando que «rezamos por todos os enfermos de Galicia, as súas familias, coidadores e sanitarios, e tamén demos grazas».

A expedición regresou o luns sete de abril aos seus lugares de orixe, tras pasar uns días inesquecibles.