O sábado 14 de setembro, preto de dous centenares de persoas camiñaron xuntas nunha xornada de convivencia e intercambio, durante a II «Andaina solidaria» que organizaron as Cáritas parroquiais do arciprestado da Louriña. Esta iniciativa, que se puxo en marcha o pasado mes de abril, busca recadar fondos para que a entidade caritativa da Igrexa poida continuar desenvolvendo a acción social nesta pequena porción do territorio diocesano de Tui-Vigo.
O roteiro contou coa colaboración do salcedense Marcos Riveiro que ofreceu diversas explicacións históricas ao longo de todo o percorrido. Grazas á colaboración de diversas empresas e das administracións públicas —en concreto, os concellos do Porriño, Mos e Salceda de Caselas —, o roteiro puido finalizar cunha degustación de callos en Praza do Concello.
A través da súa páxina de FaceBook, a parroquia de Santa María de Salceda de Caselas manifestou o seu agradecemento a todas as entidades involucradas nesta actividade e, de maneira especial, ao «voluntariado de Cáritas interparroquial, que entrega o seu tempo e bo facer para axudar a quen máis o necesita nunha xornada inesquecible que demostra, unha vez máis, que A Louriña é solidaria e que o traballo en equipo é a fórmula perfecta para obter os mellores resultados».
Cáritas atende na Louriña a 70 familias. Co obxectivo de centrar a atención na persoa, recentemente cambiou o seu tradicional modelo de axuda social de doazón de alimentos e roupa por un novo sistema de entrega de tarxetas económicas. Deste xeito, conséguese dignificar o proceso de atención, mellorando así a resposta ás necesidades e particularidades dos usuarios e usuarias. Ademais, nas parroquias de Salceda de Caselas, O Porriño e Mos ofrecen talleres de formación e procura de emprego, atención a maiores ou clases de costura.