20 de Marzo de 2025,
San Martín de Braga

Preto de 30 persoas da diocese de Tui-Vigo peregrinaron a Roma

Preto de 30 persoas da diocese de Tui-Vigo peregrinaron a Roma
FOTO.- Peregrinos de la diócesis de Tui-Vigo, junto al obispo en la iglesia Quo Vadis de Roma

Do 7 ao 9 de marzo de 2025, preto de unha trintena de persoas da diocese de Tui-Vigo peregrinaron a Roma para celebrar o Ano Xubilar 2025, que o papa Francisco convocou baixo o lema «Peregrinos de esperanza». Xunto á comitiva, tamén viaxou o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín.

O venres, iniciaron a súa peregrinación en Piazza Navona, xunto ao templo no que se atopa enterrada santa Inés, realizando un dos antigos percorridos do peregrino, pasando por Campo di Fiori e Piazza Farnese, ata chegar á Igrexa Nacional Española de Santiago e Montserrat, templo xubilar en Roma. Alí, celebraron a eucaristía dese día e visitaron as dependencias deste lugar que, outrora, foi hospital de peregrinos da Coroa de Aragón e hoxe lugar de referencia para todos os españois en Roma.

Unha vez celebrada a eucaristía, continuaron o seu percorrido cara a Castel St. Angello para recibir a cruz do Xubileu e comezar o percorrido pautado con oracións e cantos por toda a Vía da Conciliazione. Tras percorrer a praza de San Pedro, cruzaron a porta santa da basílica, onde puideron rezar ante a tumba do apóstolo e primeiro papa da Igrexa. Pola noite, uníronse ao rezo do rosario pola saúde do santo pai.

O sábado, visitaron os monumentos máis emblemáticos da cidade e celebraron a eucaristía na igrexa de San Pantaleón, orixe das Escolas Pías fundadas por san Xosé de Calasanz; alí, tamén visitaron a tumba e as estancias do santo. Pola tarde, ademais de continuar polos principais barrios romanos e monumentos, visitaron a tumba e basílica doutra mártir: Sta. Cecilia

O domingo, despois de  visitar o Coliseo, lugar de martirio de tantos cristiáns, visitaron a Scala Santa, mandada traer do pretorio de Xerusalén por santa  Elena. Durante esta xornada, tamén se achegaron ata a basílica de San Xoán de Letrán (catedral de Roma) e a basílica de Santa  María a Maior, onde se atopa o cadro de María Salus Populi Romani, patroa de Roma, e as reliquias do presebe de Belén. A peregrinación finalizou coa celebración da eucaristía na basílica paleocristiá de San Vitale.

FOTO.- Peregrinos delante de la basílica de San Juan de Letrán

A maiores desta peregrinación, o delegado para o Ano Xubilar 2025, Daniel Goberna, lembra que continúa habendo prazas para a peregrinación prevista en xuño. O 29 de decembro de 2025, coincidindo coa inauguración do Xubileu 2025 na catedral tudense, a diocese de Tui-Vigo estableceu tres templos xubilases para que todas aquelas persoas que teñan dificultades para peregrinar a Roma poidan gañar tamén a graza do Xubileu: a catedral en Tui, a concatedral-basílica en Vigo e o santuario da Nosa Señora da Franqueira.