14 de Maio de 2026,
San Matías

Primeiro aniversario da morte do Papa Francisco

Primeiro aniversario da morte do Papa Francisco
Sepultura del Papa Francisco en la basílica de Santa María la Mayor en Roma

Este 21 de abril de 2026 cúmprese o primeiro aniversario da morte do Papa Francisco, falecido o 21 de abril de 2025 á idade de 88 anos. A Diocese de Tui – Vigo eleva unha súplica confiada a Deus Padre pedindo polo eterno descanso do romano pontífice e, á súa vez, agradece ao Pai o don que foi a vida do Papa Francisco para a Igrexa.

Os restos do Papa Francisco, por expreso desexo, descansan na basílica de Santa María a Maior. Nun comunicado recente da propia basílica, indícase que a homenaxe pola morte do Papa Francisco, comezará ás 17.00 horas na Capela Paulina co rezo do rosario; posteriormente, na mesma capela, no lado dereito, descubrirase unha lápida conmemorativa en memoria perpetua do vínculo especial entre o Papa Francisco e a imaxe da Salus Populi Romani.

Na lápida hai unha inscrición en latín, realizada en bronce e composta por 160 caracteres de dous tamaños diferentes, que reza: «Francisco, Sumo Pontífice, que se detivo 126 veces en devota oración aos pés da Salus Populi Romani, pola súa vontade descansa nesta Basílica Papal, 26 de abril de 2026, primeiro aniversario da súa morte».

Ás 18.00 horas terá lugar a misa, durante a cal se lerá a mensaxe do Papa León XIV, que se atopa realizando unha viaxe apostólica por algúns países de África. A celebración retransmitirase na pantalla xigante situada na fachada da basílica, na praza de Santa María a Maior, e en streaming a través de Vatican News (https://www.vaticannews.va/es.html).