O sábado 15 de abril, desde as 11 horas, nas instalacións da parroquia do Sagrado Corazón de Xesús, en Vigo, a organización Acción Social Empresarial (ASE) convocou o primeiro Encontro de Empresarios e Directivos Cristiáns, baixo o lema «Negocios con Alma». A dignidade da persoa, a procura do ben común, a solidariedade ou o destino universal dos bens foron algúns dos abordados nesta primeira cita que contou coa asistencia de máis de 20 empresarios e directivas.
Tras a benvida inicial, ASE impartiu dúas sesións formativas para os asistentes: a primeira, a cargo de Luciano Martínez, do Grupo Marsan, e por Fernando García, de SegurCaixa Adeslas, titulada «O empresario e a súa vocación»; a segundo, impartida por Agustín Gándara, doutor en Dereito, titulada «Mensuram Bonam», na que falou sobre os límites do investimento para os católicos. O encontro, que concluíu cun xantar-coloquio no Círculo de Empresarios, contou coa presenza de Juan Manuel Vieites, presidente da Confederación de Empresarios Galegos.
A través deste Encontro de Empresarios e Directivos Cristiáns, ASE busca difundir e promocionar a Doutrina Social da Igrexa no ámbito empresarial e dos negocios para recuperar os valores que se diluíron nas últimas décadas e, á súa vez, testemuñar a fe cristiá na sociedade actual.
Acción Social Empresarial (ASE) é unha asociación de empresarios e directivos cristiáns fundada en 1951, que parte de UNIAPAC (Unión Cristiá Internacional de Executivos de Negocio), con presenza en máis de 40 países en catro continentes. Na actualidade, continúa divulgando o seu labor e promovendo a inscrición entre todos aqueles empresarios e directivos que estean interesados en reflexionar sobre valores e virtudes.