29 de Marzo de 2024

,

San Eustasio
29 de Marzo de 2024

,

San Eustasio

Primeiro encontro de formación para as parroquias interesadas na «Escola de Familias»

Primeiro encontro de formación para as parroquias interesadas na «Escola de Familias»
Foto: © Lela, para el banco de imágenes gratuito Pexels.

O sábado, 15 de outubro, de 10:30 a 13 horas, no Seminario Maior «San Xosé» de Vigo, as delegacións de Catequeses e Pastoral Familiar convocan o primeiro encontro de formación e orientación para todos os axentes de pastoral que vaian participar na posta en marcha da «Escola de Familias» nas súas respectivas parroquias de orixe —é dicir, acompañando ás familias que acudan a estes encontro mensuais para reflexionar sobre a tarefa educativa que se realiza cos fillos e fillas—. Para asistir a esta xornada de formación é necesario inscribirse a través do correo electrónico pfamiliar@diocesetuivigo.org.

As «escolas de familias» son espazos de información, formación e reflexión sobre aspectos relacionados coas funcións parentais, pensados para desenvolverse no ámbito da comunidade parroquial. Polo que, para poder levar a cabo esta iniciativa proposta polas delegacións diocesanas de Catequeses e Pastoral Familiar resulta indispensable formar ás persoas responsables de implementar, cada mes, o plan de formación baseado no autocoñecemento, a xestión emocional e a comunicación. 

O matrimonio formado por Antonio e Patricia pilota esta iniciativa diocesana na que, tal e como o expresan ambos, «non falamos de docencia nin de ensinar unha fórmula máxica, debido a que hai tantas fórmulas como fogares. Falamos de compartir, dar e recibir apoio, e aprender no camiño os uns cos outros».

Na actualidade, xa son sete as parroquias que decidiron sumarse a esta iniciativa que consta dun dobre carácter comunitario: por unha banda, diocesano, xa que serán as delegacións as encargadas de acompañar e formar a todas aquelas parroquias interesadas nesta formación para familias; e, por outra banda, parroquial, pois as familias interesadas en asistir a estes encontros mensuais deberán facelo nas súas parroquias de orixe. En definitiva, trátase dun proxecto para toda a Igrexa diocesana que queira afianzar a pastoral familiar no seu ámbito concreto.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp