O domingo 2 de xuño, a Igrexa celebra a solemnidade de Corpus Christi, é dicir segundo a doutrina católica a festa da presenza real do Corpo e o Sangue de Cristo na eucaristía. Na diocese de Tui-Vigo, o bispo e administrador apostólico Mons. Luís Qiuinteiro presidirá a misa solemne ás 11 horas na catedral tudense e ás 20 horas na concatedral-basílica en Vigo seguida, en ambos os casos, da tradicional procesión polas rúas da cidade.
A Vigairía Xeral convida a toda a comunidade eclesial —sacerdotes, membros de comunidades relixiosas, asociacións eucarísticas, confrarías e fieis en xeral— a participar tanto na eucaristía como na procesión que se levará a cabo na cidade de Vigo. Neste sentido, a Vigairía lembra que o «Corpus Christi é unha ocasión para que os católicos renoven a súa devoción ao Santísimo Sacramento e dean testemuño público da súa fe».
Nesta festa do Corpo e o Sangue de Cristo, rememórase que Cristo está presente verdadeira, real e substancialmente no pan e o viño consagrado; unha presenza que se prolonga fóra da misa no sagrario. Neste día, a Igrexa tamén celebra o «Día da Caridade», por iso, na súa mensaxe para esta xornada, os bispos da Conferencia Episcopal Española sinalan que «celebrar a Eucaristía é comulgar con Xesús e o seu proxecto do Reino para vivir cada día de maneira máis entregada, traballando por un mundo máis humano». Esta misión require chegar ás persoas, alí onde estean, logrando, ante todo, «recoñecelos realmente», para facelos «parte da nosa vida».