Con ocasión da celebración do Corpus Christi, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidirá a misa solemne ás 20:00 horas na concatedral-basílica de Santa María en Vigo seguida, da tradicional procesión polas rúas da cidade; durante o habitual percorrido, realizarase a bendición dos mares —ao chegar á rúa Concepción Arenal—. Tamén ás 11:30 horas de mañá, monseñor Antonio Valín presidirá a eucaristía e a procesión en Ponteareas .
A Vigairía Xeral da diocese de Tui-Vigo convida a toda a comunidade eclesial —sacerdotes, membros de comunidades relixiosas, asociacións eucarísticas, confrarías e fieis en xeral— a participar tanto na eucaristía como na procesión que levará a cabo na cidade de Vigo. Neste sentido, a Vigairía lembra que o «Corpus Christi é unha ocasión para que os católicos renoven a súa devoción ao Santísimo Sacramento e dean testemuño público da súa fe».
O domingo 22 de xuño, a Igrexa celebra a solemnidade de Corpus Christi, é dicir segundo a doutrina católica a festa da presenza real do Corpo e o Sangue de Cristo na eucaristía; unha presenza que se prolonga fóra da misa no sagrario. Neste día, a Igrexa tamén celebra o «Día da Caridade», por iso, na súa mensaxe para esta xornada, os bispos da Conferencia Episcopal Española sinalan que «mentres haxa persoas dispostas a poñerse en camiño, hai esperanza. É hora de ser peregrinos de esperanza, para anunciar o amor de Cristo ao mundo. O papa León XIV, na súa homilía de comezo do ministerio petrino, deixounos un encargo ineludible: “Esta é a hora do amor! A caridade de Deus, que nos fai irmáns entre nós, é o corazón do Evanxeo”».