Do 13 ao 19 de xuño, Cáritas diocesana de Tui-Vigo organizou unha serie de actos para celebrar a Semana da Caridade, que pivota baixo o lema «Somos o que damos. Somos amor». Esta semana culminará o domingo, día no que a Igrexa Universal conmemora a solemnidade do Corpus Christi e, polo tanto, o Día da Caridade.
O martes 14, ás 19:30 horas, no Auditorio Zona Franca de Vigo, axentes de Cáritas diocesana de Mondoñedo-Ferrol inaugurarán os actos coa mesa de experiencias “ Cártias e o Dereito á Alimentación: do dar ao compartir”, na que explicarán o modelo implementado na súa diocese e o seu impacto na intervención social, desde a perspectiva de dereitos e acceso á alimentación.
O bispo emérito de Tánxer, Mons. Santiago Agrelo, tomará a substitución o día 15 —tamén ás 19:30 horas no Auditorio Zona Franca— para impartir a conferencia “Hai esperanza? Migración e acollida”, desde a mirada da experiencia e desde un coñecemento profundo da situación actual.
A eucaristía da caridade celebrarase o xoves 16 de xuño, ás 20 horas, na concatedral-basílica de Santa María. Será presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, e contará coa participación de alumnos do Conservatorio MAYEUSIS, que, finalizada a celebración, ofrecerán un concerto de música clásica.
O programa de actividades finalizará o venres 17 de xuño, ás 09:30 horas, en salón de actos da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), co acto “Empresas con Corazón. A importancia da RSC”, unha mesa de diálogo ao redor da Responsabilidade Social Corporativa, no que se entregarán diversos recoñecementos a empresas colaboradoras con Cáritas de Tui-Vigo. O acto contará coa participación do bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, o presidente da CEP, Jorge Cebreiro, e Antón Costas, presidente do Consello Económico e Social de España.
Desde a delegación episcopal de Acción Social e Caritativa, convidan a todas as parroquias, movementos, asociacións da Igrexa e ao público en xeral, a sumarse aos actos organizados durante estes días. Tamén, desde a delegación puxeron ao dispor do público os materiais para celebrar a Semana da Caridade, elaborados por Cáritas diocesana e española —entre eles, o subsidio litúrxico do próximo domingo 19 de xuño, solemnidade de Corpus Christi e Día da Caridade—.