19 de Abril de 2024

,

San León IX
19 de Abril de 2024

,

San León IX

Publicada a mensaxe do Papa Francisco para a Xornada Mundial do Enfermo do vindeiro mes

Publicada a mensaxe do Papa Francisco para a Xornada Mundial do Enfermo do vindeiro mes

O pasado venres publicouse a mensaxe do Santo Pai para a próxima Xornada Mundial do Enfermo, que celebra a súa edición número 28 o vindeiro 11 de febreiro. O título da mensaxe correspóndese coas palabras do Evanxeo: «Vinde a min tódolos que estades cansos e oprimidos, e eu vos aliviarei»  (Mt 11, 28)

Estas palabras de Xesús “indican o camiño misterioso da gracia que se revela aos sinxelos e que ofrece alivio a quen están cansados e fatigados”, como afirma o Papa Francisco. Así, na súa mensaxe o Pontífice afirma que Xesucristo “dirixe unha invitación aos enfermos e oprimidos, aos pobres que saben que dependen completamente de Deus e que, feridos polo peso da proba, precisan ser curados” por un Deus que “non impón leis, senón que ofrece a súa misericordia, é dicir, a súa persoa salvadora”.

Precisamente porque o mesmo Cristo “se fixo débil, viviu a experiencia humana do sufrimento e recibiu á súa vez consolo do Pai”, é consolo para tantas situacións de enfermidade crónica e incurable, patoloxías psíquicas, discapacidades, enfermidades que precisan de coidados paliativos ou rehabilitación… Lonxe de ofrecer unha “receita”, o Papa Francisco afirma que cómpre “personalizar o xeito de aproximármonos ao enfermo, engadindo ao curar o coidar”. Non se trata só de recibir os tratamentos axeitados senón tamén de recibir apoio, solicitude, atención, consolo e, en definitiva, amor, sen esquecer á familia que sofre co enfermo.

O Papa diríxese así aos enfermos, amados especialmente por Xesús, “cansos e oprimidos”, e convídalles a acudir e El para atopar a forza necesaria para afrontar as inquedanzas e preguntas nos momentos de escuridade.

Tendo á persoa no centro, Francisco tamén insiste unha vez máis no valor da vida, chamando aos axentes sanitarios a teren presente de forma constante “a dignidade e a vida da persoa, sen ceder aos actos que leven á eutanasia, ao suicidio asistido ou a pór fin á vida, nin tan sequera cando o estado da enfermidade sexa irreversible”, acollendo, respectando e servindo toda vida dende o seu inicio ata a súa fin natural, conforme á razón e á fe.

Por último, o Pontífice fai fincapé en recoñecer a labor do persoal sanitario que atende aos enfermos en países de guerra, dedicando un pensamento especial a aqueles que non teñen a posibilidade de acceder a tratamentos por vivir na pobreza, e facendo un chamamento aos Gobernos de todo o mundo “a fin de que non desatendan a xustiza social, considerando soamente o aspecto económico que leva a enfermidade”.

A mensaxe completa do Papa Francisco pode lerse aquí.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp