19 de Febreiro de 2026,
Beato Álvaro de Córdoba

Quince matrimonios da diocese de Tui-Vigo celebran as súas vodas de ouro e prata

Quince matrimonios da diocese de Tui-Vigo celebran as súas vodas de ouro e prata

No marco da Xornada da Sagrada Familia, as parellas que, ao longo do ano 2025, celebrasen as súas vodas de ouro ou prata poderán renovar os seus votos matrimoniais arroupados por toda a comunidade diocesana, nunha eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín. O sábado 27 de decembro, ás 17.00 horas, a catedral de Santa María de Tui, que este ano celebra o VIII centenario da súa dedicación,acollerá esta celebración

Como novidade este ano, a delegación de Pastoral Familiar convida os matrimonios que cumpran o seu primeiro ano de casados, é dicir, as súas vodas de papel, a sumarse a esta celebración, visibilizando, así, o valor do sacramento cristián polo que aínda apostan centos de parellas na diocese de Tui-Vigo. Segundo os últimos datos, no ano 2024, celebráronse 188 vodas relixiosas.

As parellas casadas que cumprisen as súas vodas de ouro ou prata e estean interesadas en renovar os seus votos matrimoniais poden poñerse en contacto coa delegación a través do correo electrónico: pfamiliar@diocesetuivigo.org.

A delegación diocesana de Pastoral Familiar promove esta iniciativa para visibilizar o sentido do matrimonio cristián no medio da sociedade actual e para poñer en valor á familia que, como Igrexa doméstica, pode ofrecer o primeiro anuncio da beleza do amor, apoiando, fortalecendo e animando a outras familias.