Durante os domingos de Coresma —tempo previo á Semana Santa que dá comezo co Mércores de Cinza, que este ano coincide o 14 de febreiro—, a delegación diocesana para a Vida Consagrada organiza un «roteiro orante» polos seis mosteiros de vida contemplativa da diocese de Tui-Vigo, co fin de dar a coñecer a beleza e a alegría de quen optou por dedicar a súa vida á contemplación.
Desde o domingo 18 de febreiro e ata o domingo 24 de marzo, os encontros comezarán ás 18 horas cunha pequena acollida, na que as irmás compartirán o seu testemuño, seguida dun tempo de oración. Posteriormente, haberá oportunidade de rezar as vésperas coa comunidade á que se visite en cada ocasión.
- O 18 de febreiro, o mosteiro de San Xosé, das carmelitas descalzas do Rosal.
- O 25 de febreiro, o mosteiro da Transfiguración do Señor, das beneditinas de Trasmañó.
- O 3 de marzo, o mosteiro das Irmás de Santa María de la Concepción, das Clarisas de Tui.
- O 10 de marzo, o mosteiro da Virxe do Carme e San Xosé, das carmelitas descalzas de Sabarís.
- O 17 de marzo, o mosteiro da Anunciada das dominicas de Baiona.
- O 24 de marzo, o mosteiro da Visitación de Santa María, das salesas de Vigo.
Esta iniciativa enmárcase dentro do «Ano da Oración 2024», que o papa Francisco inaugurou o pasado mes de xaneiro en preparación para o Ano Santo que se celebrará en Roma, en 2025. Tal e como expresou o santo pai, trátase dunha oportunidade para «redescubrir o gran valor e a absoluta necesidade da oración». A delegación para a Vida Consagrada da diocese de Tui-Vigo convida a todos os fieis a vivir esta experiencia acompañados por quen dedicou a súa vida á oración, a través da vida contemplativa.