Este curso pastoral 2024-2025, a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo promove novos encontros de Life Teen para mozos de entre 14 a 18 anos. Os encontros, con unha periodicidade quincenal, comeza o domingo 13 de outubro, de 18.00 a 20.00 horas, no Seminario Menor «San Paio» de Tui. Para máis información, pódese contactar a través do número de teléfono ou o correo electrónico da delegación: 672 11 90 39 ou pju@diocesetuivigo.org.
Life Teen é un método de pastoral xuvenil que pretende achegar aos mozos a Cristo a través de catequeses dinámicas e dun encontro con Xesús na eucaristía. Cada sesión divídese en catro partes: a acollida, a catequese de 10 minutos, un momento de compartir en grupos pequenos e a oración final.
Samuel Montes, delegado de Pastoral Xuvenil e Universitaria, explica que «a realidade de Life Teen é capaz de integrar diferentes dimensións que pode axudar aos mozos a non perder a fe e a vincularse ás comunidades». En definitiva, trátase dun método que, a través da vivencia comunitaria, a formación e a oración, crea un espazo «para que o mozo poida descubrir a súa condición cristiá en profundidade, que non quede no superficial».
Life Teen é a aposta da delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria parar xerar espazos eclesiais de encontro entre mozos de diversas parroquias e outras realidades, co obxectivo de compartir de forma conxunta a alegría da fe.
Sobre «Life Teen»
Life Teen nace en 1985 nunha parroquia católica de Mesa, Arizona, nos Estados Unidos, como un programa de pastoral xuvenil centrado na eucaristía que consistía en reunir os adolescentes nunha «Life Night». A partir de 1990, comeza a implementarse noutras comunidades parroquiais.
Na actualidade, hai máis de 1600 parroquias que implementaron Edge (de 1º a 3º de ESO) ou Life Teen (de 4º de ESO a 2º de BACH), en 24 países de todo o mundo, entre eles Haití, Canadá, Sudáfrica, China, Malaisia, Filipinas, África Oriental, Uganda, Alemaña, México, Arxentina, España, Inglaterra e os Países Baixos.