Co obxectivo de fomentar procesos de acompañamento, a delegación episcopal de Apostolado Segrar e o Consello de Laicos da diocese de Tui-Vigo organizan un retiro de Advento para segrares, o sábado 30 de novembro, ás 10.30 horas, no colexio San Xosé de Cluny. O retiro finalizará, ás 12.30 horas, coa celebración da eucaristía na capela do colexio.
Nesta ocasión, a meditación impartiraa Pedro Matas Cuellas, delegado para Vigo de «Acción Social Empresarial», unha asociación privada de empresarios, directivos e profesionais da empresa, constituída de acordo coas normas do vixente Código de Dereito Canónico e erixida pola Conferencia Episcopal Española (CEE) como persoa xurídica. Tras esta meditación, haberá tempo para a oración persoal, a adoración eucarística e tamén para achegarse ao sacramento da Reconciliación.
Tal e como reflicte a delegación de Apostolado Segrar na Programación Pastoral para o curso 2024-2025, nesta ocasión, o retiro busca promover a renovación e corresponsabilidade eclesial dos laicos, á luz do Sínodo dos Bispos «Por unha Igrexa sinodal: comuñón, participación e misión» e do Ano Xubilar que o papa Francisco convocou en Roma para o ano 2025, baixo o lema «Peregrinos de esperanza».