Os delegados e membros dos equipos de comunicación das dioceses galegas reuníronse co bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, responsable da área de Comunicación, para dar comezo ao novo curso pastoral. Nesta ocasión, o novo delegado da diocese de Tui-Vigo non puido asistir ao encontro, pero en representación da delegación, acudiu a directora da Oficina de Medios, Carolina Buceta.
O encontro serviu como punto de partida para revisar o traballo realizado durante o curso anterior e para propoñer novas iniciativas e liñas de acción de fronte ao novo período.
Durante a reunión fíxose balance das actividades conxuntas, como os programas rexionais de radio (O Espello), a elaboración de campañas e a presentación da Memoria de Actividades da Igrexa en Galicia. Así mesmo, abordáronse os principais desafíos da comunicación eclesial na actualidade e subliñouse a importancia de seguir fortalecendo o traballo en rede entre as distintas delegacións e medios diocesanos.
A xornada concluíu cun momento de oración e envío, destacando a dimensión vocacional do servizo comunicativo dentro da misión da Igrexa.