16 de Xaneiro de 2025,
San Marcelo I

Reunión de ecónomos, vicarios xenerais e delegados de Medios de Galicia

Reunión de ecónomos, vicarios xenerais e delegados de Medios de Galicia

O xoves 12 de decembro, ecónomos e vicarios xenerais das cinco dioceses galegas reuníronse no Palacio Arcebispal de Santiago de Compostela, mentres que, doutra banda, Lugo acolleu o encontro dos delegados de Medios de Comunicación Social de Galicia. Ambas as citas constitúen unha oportunidade para consolidar e potenciar o traballo conxunto entre as dioceses da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela.

No caso dos ecónomos e vicarios xenerais, que primeiro se reuniron por separo e, posteriormente, de forma conxunta, este encontro periódico ten como obxectivo coordinar, programar e revisar as accións pastorais e de evanxelización, ademais de tratar temas de interese común relacionados coa administración das dioceses. Tamén serviu para fortalecer a colaboración e a planificación conxunta entre as dioceses galegas, asegurando que as iniciativas e recursos estivesen aliñados cos obxectivos pastorais e administrativos.

Do mesmo xeito, os delegados de Medios e directores dos departamentos de Comunicación  das dioceses de Galicia reuníronse en Lugo co bispo, Mons. Alfonso Carrasco, responsable desta área pastoral na provincia eclesiástica. Durante o encontro, fixeron balance das actividades comunicativas que levan a cabo conxuntamente e planificaron algunhas das que levarán a cabo nos próximos meses.

Aínda que cada dioceses é completamente autónoma na súa actuación, hai moitas campañas e actividades que se desenvolven conxuntamente no territorio de Galicia e que requiren dunha comunicación coordinada. Entre as actividades conxuntas, destaca a realización mensual do programa rexional O espello, de COPE, que esta vez gravouse desde os estudos lucenses.