17 de Xullo de 2026,
Santa Marcelina

Reunión do Consello diocesano de Pastoral

Reunión do Consello diocesano de Pastoral

O sábado 4 de xullo, o Seminario Maior «San Xosé» en Vigo acolleu unha nova reunión do Consello diocesano de Pastoral, un órgano que reflicte a realidade da diocese e que axuda ao bispo en todo o referente á tarefa evanxelizadora. Nesta ocasión, a reunión tivo como obxectivo dar conta do traballo de análise da realidade realizado durante o último curso e organizar os pasos para seguir durante os próximos meses.

A reunión estivo presidida polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, que agradeceu a xenerosidade e dispoñibilidade de todas as persoas que conforman este órgano. De maneira especial, fixo mención ao labor que, durante todos estes anos, realizaron Marisa Vidal, presidenta de Vida Ascendente, e José Manuel Cabo, delegado de Pastoral Familiar, que faleceron en outubro  de 2025 e abril de 2026. 

Durante a reunión, o vigairo de Pastoral, José Vidal, deu a coñecer o traballo realizado durante os últimos meses que consistiu en analizar a realidade diocesana, a través de oito cuestionarios anónimos para diferentes grupos de persoas —parroquias, sacerdotes, axentes de pastoral, fieis e persoas non practicantes, que sexan ou non crentes—. En total, recompiláronse 3.116 enquisas: 96 foron de parroquias; 21, de movementos; 37, de vida consagrada; 44, de sacerdotes; 65 de consagrados; 402, de axentes de pastoral; 2.142, de axentes de pastoral; e 309, de non crentes.

Aínda que estaba previsto presentar as conclusións neste mes de xuño, non foi posible procesar a tempo o elevado número de enquisas e a información recibida, pero si se confeccionou unha estatística das respostas grazas a Carlos Nottaro. Agora, queda elaborar as conclusións definitivas para, a partir de aí, desenvolver o próximo Plan Pastoral que terá un carácter trienal. Esta tarefa realizarana catro equipos de traballo durante os meses de setembro, outubro e novembro, para presentar o Plan Pastoral en decembro e implementalo en xaneiro de 2027.

LOs seguintes pasos, tal e como expresou o vigairo de Pastoral, José Vidal, serán:

  • Discernir á luz da fe: Os equipos non se limitarán a realizar unha análise sociolóxica ou técnica. A tarefa consiste en escoitar ao Espírito Santo para descubrir que nos pide Deus a través das debilidades, fortalezas e aspiracións expresadas.
  • Identificación de áreas crave para a evanxelización:O traballo con estes cuestionarios debe servir para esclarecer as zonas de sombra (a fenda xeracional coa mocidade, o esgotamento do clero, a necesidade de espazos de convivencia comunitaria) e para reforzar as zonas de luz existente (unha sólida fidelidade litúrxica, o aprecio polos sacerdotes e un profundo arraigamento comunitario).
  • Cara a unha planificación estratéxica: Este exercicio de lectura desde a fe servirá de ponte esencial para conectar a realidade que escoitamos coa elaboración dos obxectivos concretos e das liñas de acción que configurarán o Plan Pastoral para o período 2026-2030.

O prelado tudense, monseñor Antonio Valín, terminaba a reunión resumindo en tres palabras o labor que lle espera ao Consello diocesano de Pastoral durante os próximos meses: humildade, conversión e paciencia.

En 2025, celebrouse o 30 aniversario da constitución do primeiro consello, baixo a presidencia do bispo monseñor José Cerviño. Desde entón, este órgano consultivo funcionou de maneira continuada, renovándose cada catro anos ou, como nesta ocasión, cando se produce un cambio na sede episcopal. Na actualidade, está conformado por 44 persoas:  15 sacerdotes e 29 segrares, dos cales, 20 son mulleres.