Como vén sendo habitual na véspera da solemnidade do apóstolo Santiago, o mércores 24 de xullo, os bispos da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela reuníronse no arcebispado compostelán para tratar asuntos de interese común para as dioceses galegas. Ao encontro asistiu, por primeira vez, Mons. Antonio Valín Valdés, tras ser ordenado bispo e tomar posesión do seu cargo á fronte da diocese de Tui-Vigo o pasado 20 de xullo.
Estiveron presentes, ademais do prelado tudense, o arcebispo de Santiago de Compostela, Mons. Francisco José Prieto Fernández; o bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco; o bispo de Ourense, Mons. José Leonardo Lemos Montanet; e o bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol, Mons. Fernando García Cadiñanos. Tamén asistiu o secretario da provincia eclesiástica de Santiago, o sacerdote José Andrés Fernández Farto.