O martes 3 de outubro, os bispos da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela, entre eles o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, asistiron en Aveiro á súa tradicional reunión cos prelados da provincia eclesiástica de Braga, na que intercambian experiencias pastorais e tratan diversos asuntos de interese común.
A Provincia Eclesiástica de Santiago está formada polas dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Mondoñedo-Ferrol, Lugo e Ourense. Pola súa banda, a Provincia Eclesiástica de Braga está integrada polas dioceses de Braga, Aveiro, Bragança-Miranda, Coimbra, Lamego, Porto, Viana do Castelo, Vila Real e Viseu.z
Na Igrexa Católica son designadas Provincias eclesiásticas as agrupacións de varias dioceses, coa finalidade de promover unha acción pastoral común en varias dioceses veciñas e fomentar, de maneira máis adecuada, as recíprocas relacións entre os bispos diocesanos. Para iso, conforme o espírito do decreto conciliar Christus Dominus, nn.39-40, axudan as características sociolóxicas, históricas e xeográficas.