A delegación de Migracións da diocese de Tui-Vigo puxo en marcha un «roupeiro migrante» na parroquia de Santo Tomé de Freixeiro, para dar resposta á falta de recursos e acompañar ás persoas migrantes que chegan ao territorio diocesano e non poden acceder a recursos de primeira necesidade —en moitos casos, por dificultades para empadroarse—: pezas de roupa e calzado, alimentos ou produtos infantís, como cueiros, leite en po ou, mesmo, carriños de bebé.
Durante as tardes dos xoves, oito voluntarios e voluntarias da delegación —na súa maioría migrantes— ofrecen o seu tempo para axudar a outras persoas que, nestes momentos, están a atravesar unha situación similar á que eles pasaron á súa chegada a España. O boca a boca e as novas tecnoloxías son a canle a través do cual a comunidade de migrantes de Vigo está a dar a coñecer esta iniciativa, na que xa atenderon a 30 familias, desde mediados do pasado mes de outubro.
Yuli Quintos e a súa familia é unha destas beneficiarias. O pasado 27 de setembro, chegou a España procedente do Perú, onda o seu marido e o seu fillo recentemente nado a finais de outubro. «Unha compatriota acolleunos no seu piso ata que poidamos regularizar a nosa situación», explica Yuli. Descubriu o roupeiro migrante grazas ao grupo de WhatsApp «Peruanos en Galicia», onde se publicou a información desta iniciativa parroquial. A partir de aí, Yuli contacta cos voluntarios para recibir axuda: «estou moi agradecida. As persoas que nos atenderon son moi amables e tratáronnos con moito agarimo. Nótaselles o desexo de querer axudar. Déronnos bastantes cousiñas, incluso un cochecito para o meu bebé».
A diocese de Tui-Vigo busca promocionar a solidariedade e a xustiza social, axudando a persoas con dificultades ou en situación de vulnerabilidade, a través das súas 276 parroquias, das comunidades relixiosas presentes no territorio diocesano, de Cáritas Diocesana e doutras asociacións intimamente relacionadas coa Igrexa.