12 de Abril de 2026,
San Julio I

Sacerdotes da diocese meditan sobre a fraternidade sacerdotal como fonte de descanso

Sacerdotes da diocese meditan sobre a fraternidade sacerdotal como fonte de descanso
FOTO.- Sacerdotes que asistieron al retiro durante el mes de julio

«Fraternidade sacerdotal, fonte de descanso» foi o título da meditación que o sacerdote Juan de Olazabal impartiu no segundo retiro para presbíteros do verán, organizado pola Vigairía para o Clero da diocese de Tui-Vigo. O encontro tivo lugar no templo parroquial de Santa María de Tebra , en Tomiño, o pasado mércores 6 de agosto.

Durante a súa intervención, Juan de Olazabal quixo «lembrar a natureza colexial do ministerio sacerdotal, así como a necesidade pastoral de non camiñar sós nin illados». Para iso serviuse das palabras que o bispo de Novara (Italia), monseñor Franco Giulio, pronunciou no funeral do sacerdote italiano, Matteo Balzano, quen, o pasado 5 de xullo, quitaba a vida aos seus 35 anos de idade e despois de entregarse durante 8 anos ao servizo ministerial.

Juan de Olazabal buscaba reflexionar sobre o feito de que , como presbíteros, «non somos perfectos, senón “homes pecadores que loitan por identificarse cada día, entre escuridades e contradicións, coa persoa e a mensaxe de Jesús” con alegría e esperanza —como ben o expresa José San José Prisco, sacerdote da Irmandade de Sacerdotes Operarios Diocesanos e decano da Facultade de Dereito Canónico da Universidade Pontificia de Salamanca —». Neste sentido, «temos que aprender a camiñar —sosténdonos os uns aos outros— non só xuntos, senón unidos!, pois compartimos un mesmo Espírito», declarou Olazabal.

Cada ano, durante os meses estivais de xullo, agosto e setembro, a Vigairía para o Clero da diocese de Tui-Vigo organiza tres retiros para sacerdotes, co obxectivo de compartir un intre de oración e confraternización entre o clero diocesano. O último destes retiros terá lugar no santuario da Nosa Señora da Franqueira, o mércores 3 de setembro, ás 11.00 horas.