Cada ano, o 13 de maio, os sacerdotes da diocese de Tui-Vigo congréganse na cidade tudense para renovar con gozo a consagración do Seminario ao Sacro Corazón de Jesús e homenaxear a aqueles presbíteros que, ao longo do ano, celebrarán as súas vodas de diamante, ouro e prata. En concreto, este ano, foron sete os sacerdotes homenaxeados, así como o bispo de Abancay (Perú), Mons. Gilberto Gómez, que, natural de Albeos (Crecente), celebra 50 anos da súa ordenación sacerdotal.


Por primeira vez desde a súa ordenación episcopal e toma de posesión, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, presidiu a eucaristía no templo parroquial de santo Francisco, anexo ao Seminario Menor de Tui, acompañado polo bispo emérito, monseñor Luís Quinteiro, e polo bispo de Abancay, monseñor Gilberto Gómez, así como os sete sacerdotes homenaxeados e numerosos sacerdotes diocesanos. Durante a súa intervención, o prelado tudense, citando as palabras do santo cura de Ars , expresou que «o sacerdocio é a manifestación do amor que o corazón de Xesús ten pola humanidade e que se expresa a través da vida, ministerio e presenza dos presbíteros no medio do mundo».


Nun día no que a diocese de Tui-Viga agradece a fidelidade da vocación sacerdotal, monseñor Antonio Valín lembrou que a vida dos sacerdotes «é un don e unha tarefa. Cada un de nós, coas nosas virtudes e cos nosos pecados, somos leitos do amor de Deus manifestado en Cristo, chamados a repartir ese amor; a manifestalo en xestos e en palabras, sendo pastores unidos ao bo pastor. O noso Deus ama o mundo pastoreando ao seu rabaño, tomando a iniciativa do amor, da misericordia e da solidariedade. Somos, como nos dicía Bieito XVI, instrumentos para a difusión e o amor de Dios».
Contemplando a entrega de Cristo pola humanidade, subliñou o bispo, «sentímonos impulsados a dar a vida polos nosos irmáns, facendo da nosa existencia un servizo xeneroso e desinteresado a todos. O sacerdote e a Igrexa ou é servidor, ou servidora, ou non ten un sentido. A única e verdadeira potestas [autoridade] do noso ministerio é a que provén e deriva do servizo dos demais. Só así entenderemos o que significa ser presbítero no medio do mundo».


Monseñor Antonio Valín finalizou a súa intervención pedindo que «o corazón de Xesús fortaleza a capacidade de amar e de servir de todos nós; impúlsenos para que aprendamos a camiñar máis xuntos, cara a un mundo cada vez máis empapado do amor de Dios. Non deixemos de ser nunca, como nos dicía Teresa de Lisieux, no corazón da Igrexa, a nosa nai, o amor: esa é a nosa vocación. Poñemos ese desexo en mans da virxe María, que hoxe celebramos na advocación da nosa Señora de Fátima».
Unha vez terminada a celebración, desde o templo, sacerdotes e fieis procesionaron coa forma eucarística ata o claustro do Seminario, onde renovaron a consagración ante a imaxe do Sacro Corazón de Xesús, como veñen facendo desde hai máis dun século. Alí, ante esa imaxe, os sacerdotes, mozos e maiores, unen as súas voces para entoar o himno ao Sacro Corazón, composto polo poeta e bispo, monseñor Manuel Lago González, e musicada polo mestre de capela da catedral de Tui, Martínez Pose, pensado para orquestra e para un coro de cinco voces. Daniel Goberna, prefecto de Música da catedral de Tui e encargado de dirixir o canto do himno, destaca que «grazas ao entusiasmo, a paixón e o agarimo que permanece no corazón de moitos sacerdotes podemos seguir cantando este himno, ano tras ano, aínda que sexa cun pequeniño ensaio».


Previamente á celebración da eucaristía, a xornada comezou coa conferencia «Ministerio orante: a oración na vida do sacerdote», impartida por Florentino Pérez Vaquero, sacerdote e director da Subcomisión para Seminarios da Conferencia Episcopal Española. Ademais, monseñor Gilberto Gómez, bispo de Abancay (Perú) presentou os seus dúas últimas obras «Nas túas mans» e «Terriña».


A xornada finalizou con unha comida de confraternización na que se entrega un pequeno obsequio en recoñecemento pola fidelidade e perseveranza a eses sacerdotes que celebran as súas vodas de diamante —Jesús Montero Barreira—, ouro —Julio Ramos Rodríguez, Manuel Ángel Rodríguez Luís, Antonio Gálvez Tomey (Claretiano) e Leoncio Mulero Collantes (Carmelita)— e prata —Miguel Ángel Castro Quintero e José Benito Cividanes Alonso—. Nesta ocasión, sumouse á homenaxe monseñora Gilberto Gómez, bispo de Abancay (Perú) e natural de Albeos (Crecente).