9 de Outubro de 2024

,

San Dionisio
9 de Outubro de 2024

,

San Dionisio

Samuel Montes, delegado de Pastoral Xuvenil e Universitaria: «Os mozos necesitan ter experiencias de Iglesia xoven»

Samuel Montes, delegado de Pastoral Xuvenil e Universitaria: «Os mozos necesitan ter experiencias de Iglesia xoven»

«Estamos a preparalo todo con esmero para que a JMJ de Lisboa sexa, verdadeiramente, unha experiencia de encontro con Cristo, tamén de Igrexa, de fraternidade, e un impulso nesta aventura da fe», así o expresa Samuel Montes, delegado de Pastoral Xuvenil e Universitaria de Tui-Vigo, cando lle preguntan polo itinerario dunha “ambiciosa” viaxe con destino á JMJ de 2023. Samuel ten claro que, nesta aventura, todo o mundo está implicado, todo o mundo debe “mollarse” «pola mesma razón que me teño que mollar eu —explica—. Creo que  os mozos necesitan ter experiencias de Iglesia xoven; necesitan compartir con outros semellantes esta alegría da fe, que se traduce en ganas de cambio, en inquietude».

A delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria trata de crear espazos diocesanos onde os mozos de diferentes realidades poidan vivir unha experiencia de encontro con Deus, pero tamén continuar afondando na súa fe porque, como expresa Samuel Montes, «nós temos que acompañar aos mozos no seu momento, na etapa na que están». Neste sentido, engade que a Xornada Mundial da Mocidade é moi importante: «todos coñecemos a mozos que experimentaron dunha forma especial a fe nestas xornadas, que lles permitiron vincularse máis para asumir a propia vivencia da fe dunha forma máis madura; para dar o salto de vivir unha infancia na fe a ser protagonistas da súa propia experiencia converténdose en testemuñas para outros».

Desde o inicio do seu pontificado, o papa Francisco fixo unha invitación moi explícita a todos os mozos: a non «balconear» —na JMJ do Rio de Janeiro, en 2013— a non ser «novos sofás» —en 2016, na JMJ de Cracovia— e a «non estar todo o día conectado para sentirse recoñecido e amado» —JMJ de Panamá, en 2019—. Na súa mensaxe para a xornada de Lisboa, incide en que este é o momento de «levantarse», de aferrarse a esa présa boa «que nos empuxa cara arriba e cara aos demais». En relación a estas palabras, Samuel Montes, delegado de Pastoral Xuvenil e Universitaria de Tui-Vigo, afirma que, «no fondo, é a invitación que Cristo nos fai a nós: a dar sentido á nosa vida, a ser protagonistas —no bo sentido da palabra—, a vivir con paixón, con intensidade». Aos mozos con dúbidas en participar nesta JMJ, Montes lémbralles que é unha experiencia na que poderían «sentirse amados por Deus, desde a experiencia profunda de encontro con Cristo; sentirse parte dunha Igrexa que é universal, que está nos cinco continentes; sentirse tamén arroupado por outros mozos que queren vivir apaixonadamente a súa vida, a súa fe, tamén en entrega aos demais. E, quen non quere vivir unha vida intensa?».

Regresa ao especial sobre aJMJ

Regresa á reportaxe especial sobre Xornada Mundial da Mocidade que terá lugar en Lisboa, do 1 ao 6 de agosto de 2023, para coñecer todo acerca do plan que a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo está a organizar.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp