Durante toda a xornada do 2 de febreiro, devotos de san Blas acudiron ao templo parroquial de Santiago de Bembrive para celebrar a festa deste bispo, médico da garganta e mártir. Ás 12.30, o bispo de Tui-Vigo, acompañado por outros sacerdotes diocesanos, presidiu a eucaristía solemne e destacou da figura de san Blas o seu «corazón apaixonado por Cristo e pola súa Palabra; o seu corazón fiel, ao tentar vivir a súa fe nun contexto marcado polas persecucións do Imperio Romano. San Blas fálanos tamén do compromiso coa realidade».
No marco desta multitudinaria romaría, o prelado tudense expresou que «a auténtica romaría non é vir ao templo e pasar o pano polo santo, senón atoparse con Deus a través da figura deste mártir para volver con máis ganas de vivir a nosa fe, de perdoar a todos, de amar e de comprometernos». Así, convidou tamén a vivir unha fe que se fundamente no amar a Deus e aos irmáns, por igual e con paixón, que nos poida conducir a un compromiso sincero coa realidade.


Tras a eucaristía solemne, na que se bendixo o pan en honra ao santo, a imaxe de san Blas saíu en procesión, acompañada pola imaxe do patrón da parroquia: Santiago o Maior. A banda de gaitas, cornetas e tambores «Ría de Vigo» tamén harmonizou o percorrido polas rúas de Bembrive.
Nunha entrevista concedida a COPE Vigo, o párroco de Santiago de Bembrive, Samuel Montes, explicou que «san Blas é un home que dá testemuño de que a vida é moito máis do que se ve: é Deus, o seu amor e a esperanza de vivir en plenitude». Desde primeira hora da mañá, os devotos non deixaron de achegarse á igrexa para honrar a este santo e pedir a súa intercesión, porque «san Blas de Bembrive non falla nunca», declarou o párroco.
O 25 de xaneiro, a parroquia de Santiago de Bembrive comezou a preparación desta festa que aglutina a persoas de Vigo e arredores, co rezo diario da novena en honra a san Blas. Ademais, durante as eucaristías do 2, 3 e 4 de febreiro, pediuse por todos os devotos e devotas do patrón dos laringólogos.



