Este mércores, 15 de setembro, ás 20 horas, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, presidirá a eucaristía no templo parroquial de San Lourenzo de Arnoso con motivo da restauración dun dos retablos con máis devotos da parroquia: o da Virxe das dores que, ata o de agora, resistía nun lateral da igrexa, sobre unha mesa, co seu retablo escondido baixo unha saba a piques de caerse abaixo.
A restauración supuxo un orzamento de 12.900€ que se financiou, en parte, grazas á Diocese de Tui-Vigo que achegou 6.000€ do total necesario. A cantidade restante recadárona os fieis da parroquia a través dun sistema de cotas mensuais —de xaneiro a agosto— completamente voluntario, en función das posibilidades de cada familia.
Segundo explica o párroco, Gonzalo Otero, “arranxar este retablo xerou moitísima ilusión na parroquia porque hai moita devoción á Virxe dolorosa” o que propiciou “un traballo comunitario conxunto de todos os veciños, de todas as familias; mesmo de veciños de Arnoso que viven en Ponteareas, en Vigo ou en Suíza”, que mediante transferencia bancaria puxeron o seu granito de area para conseguir o imposible nunha parroquia con pouco máis de 250 habitantes: recadar os 6.900€ restantes da restauración.
O día da festa da Virxe das dores —este mércores 15 de setembro—, a comunidade de San Lourenzo de Arnoso celebrará a eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo para agradecer as achegas da diocese e de todos os devotos que fixeron posible que a Virxe luza con orgullo o seu renovado retablo desde o pasado mes de agosto.