16 de Xaneiro de 2025,
San Marcelo I

San Xulián  de Guláns  recibiu a visita do bispo de Tui-Vigo

San Xulián  de Guláns  recibiu a visita do bispo de Tui-Vigo
FOTO.- El obispo de Tui-Vigo junto a los jóvenes confirmados | © Diocese de Tui-Vigo

O 15 de decembro, terceiro domingo de Advento, domingo de Gaudete  (alegría), a comunidade parroquial de San Xulián  de Guláns recibiu con ledicia a visita do bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, que puido coñecer de primeira man os locais parroquiais e saudar aos nenos e adolescentes, durante a catequese. Acompañados pola banda de música «Unión de Guláns», veciños e fregueses das parroquias de Arnoso , Cristiñade, Moreira e Nogueira achegáronse ata o atrio da igrexa de Guláns para dar a benvida ao prelado.

Ás doce do mediodía, Mons. Antonio Valín presidiu a eucaristía animada polo coro parroquial e administrou o sacramento da Confirmación a un adulto e a 18 mozos e mozas das parroquias de Arnoso , Cristiñade, Guláns, Moreira e Nogueira. Durante a súa homilía, o bispo de Tui-Vigo destacou a importancia de ser cristiáns alegres e animou a ter, sempre, pequenos detalles con cuantos rodéannos.

Tras a eucaristía, catequistas e algúns mozos e mozas confirmadas compartiron o seu testemuño da catequese e, tamén, das excursións, campamentos de verán e peregrinacións a Santiago , promovidas pola parroquia. Mons. Antonio Valín valorou positivamente todas estas iniciativas e animou a todos a continuar desenvolvéndoas porque contribúen a consolidar a experiencia comunitaria e a profundar na fe.

Finalmente, a Casa Cultural de Guláns acolleu unha comida de confraternización, durante a que veciños e fregueses puideron falar relaxadamente co bispo. A xornada rematou coa entrega dun lote de produtos típicos da zona, ofrecido pola asociación «Amigos do Pemento» de Guláns a don Antonio.

As comunidades parroquiais de Arnoso , Cristiñade, Guláns, Morerira e Nogueira, así como o seu párroco, Gonzalo Otero, catequistas, confirmandos e familias, agradecen «a alegría e bo humor e, por suposto, a humildade e proximidade de pai e pastor», do prelado tudense durante a súa visita.