Preto de un centenar de persoas, entre sacerdotes, membros da vida consagrada e segares da diocese de Tui-Vigo, asistiron aos actos con motivo da festa de santa Catalina de Alexandría, patroa dos filósofos, que organizou o Centro Teolóxico «San Xosé» de Vigo, o pasado 25 novembro, no Seminario Maior. Estes actos tamén contaron coa presenza da comunidade do Seminario Maior Interdiocesano (SMI) «Apóstolo Santiago».
Á hora do Ángelus, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín Valdés, presidiu a eucaristía na capela do Seminario, acompañado polo bispo emérito, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, o reitor do SMI, José Antonio Castro Lodeiro, e numerosos sacerdotes diocesanos. Durante a súa intervención, o prelado tudense destacou que, «desde a razón, desde a filosofía ben enraizada na fe da Igrexa do seu tempo, santa Catalina fala daquel que para ela é o mestre, o pedagogo, que nos guía ao verdadeiro saber, fonte de vida; faio nun diálogo fecundo co saber do seu tempo, coñecendo ben e abríndose de par en par á Revelación. Para a nosa mártir, a verdadeira filosofía convértese no seguimento de Cristo, en ir detrás del e vivir a súa proposta na realidade cotiá, sabendo que el é o sentido e a esperanza de toda a existencia».
«Falar de patroa dos filósofos —explicou Mons. Antonio Valín— supón regresar á raíz da nosa fe, ao que significa ser cristiáns, tamén no tempo de hoxe». Así, a festa de santa Catalina, tradición da que somos herdeiros, «convídanos o martirio, que se traduce nun vivir con coraxe e nun andar a contracorrente. O noso martirio, como di o papa Francisco tantas veces, é un martirio cotián que non conleva necesariamente a morte, pero que é un perder a vida con Cristo, cumprindo o deber con amor seguindo a lóxica do Evanxeo».
A celebración en honra á patroa dos filósofos continuou no salón de actos, onde o director do Centro Teolóxico «San Xosé», Guillermo Juan Morado, agradeceu a presenza dos asistentes e expresou que «a filosofía é apertura á universalidade do saber e é tamén apertura á totalidade do ser. É unha marabillosa ponte mediadora que permite á Teoloxía conectarse con todas as ciencias, coa tecnoloxía máis recente, pero tamén co mundo enigmático e actual da intelixencia artificial». Así, o director ao relator: o profesor titular do departamento de Ciencias da Computación e Intelixencia artificial da Universidade da Coruña, Enrique Fernández Blanco que impartiu a conferencia «Intelixencia artificial: unha forza para o ben ou un risco para a humanidade?».
O reitor do Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago», José Antonio Castro Lodeiro, dirixiu unhas palabras aos asistentes: «aínda non podemos facer unha valoración, porque levamos pouco tempo. Somos tan distintos, pero ao mesmo tempo tan complementarios. Entón, fixar, o proxecto vai ben canalizado e agora quérolles pedir un favor. Corremos o risco de vivir nunha burbulla, por iso, necesitamos de vostedes; de todo o que vostedes consideren que é importantísimo para a formación dos futuros presbíteros que van ter aquí —que imos ter na nosa Igrexa—. Necesitamos das súas ideas e do seu apoio. Pídolles a axuda. Pedímoslles a axuda, sincera». Finalizaba reiterando o seu agradecemento aos catro bispos de Galicia que apostaron polo proxecto e remarcando que «traballamos a futuro», porque «os proxectos funcionan, cando se abrazan voluntariamente».
Non foi casualidade que intelixencia artificial (IA) protagonizase o acto académico con motivo da festa de santa Catalina, xa que, no último ano, o papa Francisco mostrou a súa preocupación polas graves implicacións negativas da IA no desenvolvemento da humanidade, como por exemplo no discurso con motivo da asemblea plenaria da Academia Pontificia das Ciencias, o pasado 23 de setembro, ou na mensaxe para a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais deste ano, titulado «Intelixencia artificial e sabedoría do corazón para unha comunicación plenamente humana». O próximo acto académico do centro levará a cabo en xaneiro, coincidindo coa festa de santo Tomás de Aquino, patrón dos teólogos.