A comunidade parroquial de Santa María do Porriño acolleu ao seu novo párroco, Joaquín Estévez, nunha Eucaristía presidida polo noso bispo, Luís Quinteiro Fiuza, o domingo 8 de novembro, Día da Igrexa Diocesana, co que se pretende visibilizar e agradecer o labor de todas aquelas persoas que desenvolven as diferentes accións — celebrativa, pastoral, educativa, evanxelizadora e caritativa-asistencial— da Diocese de Tui-Vigo.
O bispo, Luís Quinteiro, resaltou o labor da comunidade do Porriño, como unha comunidade de esperanza para a Igrexa que soubo conxugar os novos tempos sen perder as súas raíces cristiás. Ademais, expresou a importancia de alentar o traballo en equipo para poder multiplicar o labor da Igrexa construíndo cara ao futuro.
Despois de sete anos á fronte das comunidades Alxén, Arentei, Cabreira e Porto, Joaquín Estévez chega a Porriño para continuar acrecentando a vida desta comunidade, tarefa que compaxinará coa de párroco de San Estevo de Cans e arzipreste da Louriña. Tras recibir a chave do sagrario, o sacerdote guardés agradeceu a acollida recibida e resaltou a grandeza dunha parroquia asentada nunha terra chea de vitalidade, servizo, arte, ciencia e mesmo deporte.
Joaquín Estévez, natal da Guarda, foi ordenado sacerdote en Vigo en 1981, despois de licenciarse en Canto Gregoriano e conseguir a diplomatura en Teoloxía Espiritual. Anteriormente, en 1999, foi administrador e formador no Seminario Maior de San José de Vigo e, desde 1998, é canónigo organista na Santa Iglesia Catedral de Tui.