O domingo 13 de outubro, ás 12.00 horas, a parroquia de Santo Antonio da Florida celebrou o XIV aniversario da consagración do templo parroquial, cunha eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín Valdés. Durante a celebración, o prelado tudense convidou a facer memoria agradecida da historia desta comunidade parroquial e a continuar construíndo un espazo de encontro, unha casa de portas abertas na que testemuñar o Evanxeo.
Nunha entrevista concedida ao programa diocesano de COPE Vigo, Igrexa Noticia de Tui-Vigo, Dori Alonso, freguesa da parroquia de Santo Antonio da Florida desde hai 25 anos, expresou que lembra con especial agarimo a celebración de consagración do templo, presidida polo agora bispo emérito, Mons. Luís Quinteiro. Para ela, formar parte da parroquia de Santo Antonio da Florida significa «algo máis que asistir a unha eucaristía e celebrar unha serie de sacramentos, senón que é ter unha segunda familia na que todos nos imos coñecendo e preocupámonos uns por outros».
En 1999, inaugurouse a actual igrexa, que substituíu á anexa ao antigo colexio de Santo Antonio. A reforma realizada posteriormente, obra do arquitecto Francisco Castro e inspirada polo párroco Francisco Javier Alonso, modificou a disposición dos elementos litúrxicos para favorecer a participación dos fieis. Ademais, responde a unha interpretación da liturxia da corrente neocatecumenal e resalta o bautismo como introdución á vida de la Iglesia; así, destaca a presenza da pila bautismal, que, con forma de cruz, mide 60 centímetros de profundidade para permitir o bautismo por inmersión.


