O venres 13 de xuño, a parroquia de Santo Antonio da Florida celebrou a festa en honra ao seu patrón: santo Antonio de Padua. Con motivo desta celebración, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidiu a eucaristía solemne ás 20.00 horas, destacando que «santo Antonio era un home apaixonado polo Evanxeo, que cría no Evanxeo espido, sen ningún tipo de glosa nin comentario. Para el, o que di é o que hai que vivir» e é o que nos pode conducir a un camiño santidade e felicidade.
Ademais, durante a súa intervención, o prelado tudense tamén convidou os presentes a seguir o exemplo do santo de Padua: a sentirse queridas por Deus e enviadas, como os profetas, a anunciar a grandeza do amor dese Deus que desexa transformar o mundo en algo fermoso e distinto.
Tras a celebración eucarística, a imaxe de santo Antonio de Padua percorreu as rúas da cidade olívica, acompañado dunha imaxe da virxe. Ademais, como é tradición, ao longo da xornada, realizouse a repartición de boliños e flores, tras cada misa.
Desde o pasado 4 de xuño, a parroquia de Santo Antonio da Florida comezou a preparar a festa grande en honra ao seu patrón, co rezo diario do rosario e da novena. O 9 de xuño, celebrouse a eucaristía por todos os defuntos da parroquia e polos devotos de santo Antonio. Nesta ocasión, o triduo solemne foi predicado polo sacerdote Juan Andión Marán











