12 de Decembro de 2024

,

Nuestra Señora de Guadalupe
12 de Decembro de 2024

,

Nuestra Señora de Guadalupe

“Sara & Mingos” elixidos para participar no disco «Sois el ahora de Dios»

“Sara & Mingos” elixidos para participar no disco «Sois el ahora de Dios»

Sara &  Mingos, é dicir,  Sara  Gaviño (Gondomar, 1996) e Domingo Lorenzo (Chapela, 1996) son os dous mozos galegos que crearon o cuarto tema (Te llevaré) do disco «Sois el ahora de Dios», que o pasado 7 de abril  presentou a Subcomisión de Mocidade e Infancia da Conferencia Episcopal Española.  O seu camiño dentro da música católica contemporánea comeza no ano 2016, poñendo os seus dons e os seus estudos musicais tamén ao servizo da pastoral da Igrexa. Eles pretenden transmitir coas súas letras a mensaxe do Evanxeo, fío condutor de moitas das súas composicións.

A música acompañounos durante toda a súa vida, moito antes mesmo de coñecerse. Con tan só 8 anos, Sara comezou a tocar o piano, o que a levaría a estudar o Grao Superior de Música e Interpretación no Conservatorio Superior de Vigo e a participar en diversos coros, bandas, grupos de cámara e en agrupacións como pianista acompañante durante toda a súa etapa universitaria. Pola súa banda, Mingos iniciou o seu camiño na música tradicional ata estudar o Grao Profesional de Saxo (especialidade de jazz) e Gaita, que complementou co Grao Superior de Son e Espectáculos.

A súa vinculación coa Igrexa foi ben diferente. Aínda que Sara toca o órgano nas misas dominicais da súa parroquia desde hai varios anos,  Mingos mantívose afastado durante gran parte da súa adolescencia ata que no ano 2015 regresa grazas á experiencia vivida nunha Luz na Noite. Ao ano seguinte, en 2016, inician un proxecto común ligado á música compoñendo cancións, mentres crecen na vida de fe e na súa vinculación pastoral, colaborando non só coa parroquia de San Benito de Gondomar, senón tamén coa delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria.

A medida que afondan na fe, empezan a compoñer música católica nun momento no que, tal e como explican Sara &  Mingos, «tiñamos moitas ganas de poder contarlle á xente a acción de Deus na nosa vida, e non dispoñiamos de mellor medio que a música que nos axudou, e axúdanos, a deixar reflectidos diferentes momentos da nosa vida e do noso propio testemuño». É así como xorde Te llevaré, «desa necesidade de non vivir para nós unicamente a nosa relación con Deus, senón de vivila de portas para fóra tamén», segundo explica Sara  Gaviño.

Grazas á súa participación nos Encontros de Músicos Católicos Contemporáneos puideron coñecer a outros artistas e axentes de pastoral que lles ofreceron diversas oportunidades para dar a coñecer as súas cancións e, consecuentemente, o seu testemuño de fe, que tratan de plasmar en cada unha das súas composicións. Madrid, Huelva, Xaén ou Vigo son só algúns dos escenarios aos que se subiron. Antes do comezo da pandemia, en febreiro do ano pasado, participaron no Congreso de Laicos 2020, organizado pola Conferencia Episcopal Española.

Sara y Mingos tocando en un concierto en Jaén.
Foto de un concierto en Huelva.

Te llevaré xorde desa necesidade de non vivir para nós unicamente a nosa relación con Deus, senón de vivila de portas para fóra tamén.

Este disco supón unha oportunidade única para visibilizar o seu traballo que durante anos tiveron a sorte de expoñer cantando «en distintos sitios nos que sempre nos pedían unha referencia para poder escoitalo» e, agora, é posible facelo en calquera momento e lugar grazas á aposta da subcomisión de Mocidade e Infancia da CEE.

De fronte ao futuro, non fixaron ningún plan, pero o que si teñen claro é que seguirán compoñendo e levando a Xesús lá onde non o coñezan porque «se o noso testemuño e a nosa música puido, ou pode, facer algún ben, ambos estamos dispostos a poñer ao servizo eses dons en todo o que poida vir».

«Sois el ahora de Dios, esperanza en el presente»

O título deste disco está inspirado nas palabras que o Papa Francisco dedicoulles aos mozos na Xornada Mundial da Mocidade de Panamá en 2019: «Vostedes, querida xuventude, vostedes son o presente. Non son o futuro, vostedes, mozos e mozas, son o agora de Deus».

Na produción musical, ademais da Subcomisión de Mocidade e Infancia da CEE, colaboraron tamén a Fundación  Edelvives —que desde hai varios anos uniuse ao proxecto «Esperanza no Presente»— e coa produción técnica e profesional de David  Santafé. 

As 19 cancións que compoñen o disco son froito de diferentes artistas, como Paola Pablo ou  Ester López, e grupos de mozos que comezan no mundo da música católica cara a un novo horizonte de posibilidades que lles permita continuar poñendo ao servizo os seus dons e carismas, como é o caso de Sara &  Mingos.

Actualmente, pode escoitarse a través de plataformas dixitais como  Spotify ou ben comprar a través de  Amazon.

Escoita a canción a través de Spotify:

Para coñecelos un pouquiño máis podes escoitar a entrevista realizada no programa O espello de Tui-Vigo o  venres 23 de abril de 2021:

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp