Hoxe, ás 18.00 horas, retransmitirase en directo, a través da canle de YouTube da diocese de Tui-Vigo, a eucaristía presidida polo bispo monseñor Antonio Valín, para celebrar a Pascua do Enfermo e o Xubileu do Enfermo e do Mundo da Sanidade. Nesta ocasión, todas as delegacións de Pastoral da Saúde de Galicia, simultaneamente e en distintos lugares da comunidade autónoma, estarán a celebrar esta eucaristía.
Durante a celebración, o prelado tudense administrará o sacramento da Unción de Enfermos. Para unha maior organización e loxística, a delegación solicita que capeláns hospitalarios e párrocos avisen previamente a través do número de teléfono 608 28 06 55 ou a través do correo electrónico: saude@diocesetuivigo.org.
As delegacións de Pastoral da Saúde animan a participar nesta eucaristía na que, ademais da Pascua do Enfermo, celebrarase o Xubileu dos Enfermos e do Mundo da Sanidade para todas aquelas persoas que, entre o 5 e o 6 de abril, non puideron asistir ao xubileu en Roma. Neste sentido, están invitados enfermos, a coidadores, profesionais da saúde e sanitarios, visitadores parroquiais e profesionais dos centros sociosanitarios.
A Campaña do Enfermo deste ano, en consonancia con o Xubileu 2025, leva por lema «En esperanza fomos salvados». A Igrexa en España inicia esta campaña o 11 de febreiro, festividade da Virxe de Lurdes, coa Xornada do Enfermo a nivel mundial, e péchase o VI domingo de Pascua, este ano o 25 de maio.